Desbandada no espazo da Xunta en Fitur: xa son baixa dúas deputacións e o Concello de Vigo

Recreación do espazo da Xunta na feira de turismo. (Foto: Xunta da Galiza)

As institucións comezaron a tomar distancia co Goberno galego, presuntamente, por “discrepancias” na presentación da oferta turística da Galiza. O Executivo do país denuncia unha suposta “estratexia de confrontación” iniciada desde a Deputación de Pontevedra.

A distancia que separa distintas Administracións públicas na Galiza volve quedar de manifesto após o rexeitamento de varias institucións a participar na Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur) desde o espazo reservado pola Xunta.

Nun primeiro momento foi a Deputación de Pontevedra a que deu o paso de descartar a colaboración co Goberno galego. Se ben é certo que a institución que dirixe Carmela Silva fará promoción neste gran evento, será noutros postos.

A presidenta explicaba que a decisión se tomara entre outras cuestións “por discrepancias coa Xunta” pola presentación que prevía esta última. A este respecto, Silva asegurou que a Deputación recibiu a mensaxe de que a primeira fila da infraestrutura creada para a ocasión estaría “reservada e a disposición da Xunta”.

Ao igual que a Deputación, tamén nesta terza feira o Concello de Vigo, a través do seu alcalde Abel Caballero, comunicaba a súa baixa do lugar.

Vigo decidiu apostar no stand de Turespaña, cambiando de estratexia con respecto dos anos anteriores. Para o rexedor, “Vigo está en España” e, polo tanto, “ocupa o lugar que lle corresponde” no lugar reservado polo Goberno do Estado español.

Opinou que, desta forma, estará a partir do 19 de xaneiro “no lugar central da atención en Fitur”. Caballero apuntou ás Cíes como un dos atractivos, cuestión da que tamén falou esta cuarta feira acusando o equipo de Alberto Núñez Feixoo de pór trabas para que as illas cheguen a ser patrimonio da humanidade da Unesco.

Aliás, este 12 de xaneiro tamén anunciou que se desmarca de Turismo da Galiza a Deputación de Lugo. O seu líder, José Tomé, confirmou que a administración estará facendo campaña pero non da man da Xunta.

Reorganización do espazo

Neste contexto, a Xunta acusa Pontevedra de facer unha “orde xeral” para entrar nunha “estratexia de confrontación”.

En todo caso, fontes do Executivo galego aseguran que este ano tiveron unha “alta demanda de solicitudes” para participar na cita turística, o que fixo que os metros cadrados que deixan libres as deputacións e a cidade de Vigo “están xa completamente cubertos”.