Mos e A Pobra do Caramiñal ficarán en nivel alto

Galiza ficará desde a segunda feira sen concellos fechados

Unha parella de policías revisan a capacidade dunha terraza, en Santiago, nunha imaxe de arquivo (Foto: Arxina)
Galiza ficará sen concellos fechados a partir da segunda feira, 7 de xuño. Así o decidiu o Comité Clínico que asesora a Xunta da Galiza en materia de sanidade. Desta maneira, Mos e A Pobra do Caramiñal, hoxe en nivel máximo de restricións, pasarán a nivel alto.

Galiza deixará de ter municipios con fechamento perimetral pola incidencia da Covid-19 desde a vindeira segunda feira, 7 de xuño, tras descender ao nivel alto de restricións os de Mos e A Pobra do Caramiñal, que na actualidade teñen restricións máximas.

Así o informou esta sexta feira a Consellaría de Sanidade nun comunicado, no que explica que a Dirección Xeral de Saúde Pública acordou "descender ao nivel alto de restricións" aos concellos de Mos e A Pobra do Caramiñal para os que o Comité Clínico acordou o máximo o pasado día 1 de xuño.

Por iso, explica Sanidade que, "tras avaliar a situación epidemiolóxica dos dous únicos concellos galegos nos que rexían as medidas do nivel máximo de restricións, e corroborar que a evolución de ambos cumpría cos criterios fixados polo Comité Clínico para baixar de nivel", o departamento sanitario galego decidiu que, desde a vindeira segunda feira, ambas as localidades pasen a formar parte da lista de concellos en nivel alto.

A Dirección Xeral de Saúde Pública tomou esta decisión 24 horas despois da sentenza do Tribunal Supremo sobre as limitacións que se querían estabelecer nas Illes Balears e xa non decorreo o habitual encontro do subcomité clínico.

De feito, a partir de agora este grupo por debaixo do Comité Clínico só terá citas nas sextas feiras de "forma excepcional" dada a mellor situación epidemiolóxica da Galiza. En consecuencia será Saúde Pública a que teña aberta a porta a estipular modificacións sobre o acordado no Comité Clínico, que normalmente ten a súa xuntanza de traballo nas terzas feiras.

Fontes xudiciais aclararon que para estas modificacións o Executivo galego non ten que pedir ratificación ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) como sucedeu desde que quedou sen efecto o estado de alarma. Si sería preciso o contacto se se suman novos municipios ás restricións despois do 12 de xuño.

Sen mudanzas no resto de concellos

Pola súa banda, indica Sanidade, o resto de municipios galegos seguirán cos mesmos niveis de restricións actuais. En concreto, a pasada segunda feira o Comité Clínico determinou nivel alto de restriciones en Ordes e Viveiro.

Mentres, en nivel medio sitúanse os de Moraña, Ponteareas, Cenlle, Lobios, O Barco de Valdeorras, Ribeira, Boiro, Oroso, Xove, Vilalba e Monforte de Lemos.

Sanidade puntualiza que esta medida entrará en vigor ás 00 horas da próxima segunda feira 7 de xuño, xornada na que xa non haberá municipios con fechamentos perimetrais, nin con restricións horarias de reunión, así como tampouco locais hostaleiros coa obrigación de fechar pola incidencia da Covid-19 -medidas do nivel máximo-.