A Xunta destinou a Atención Primaria 11,96% do gasto sanitario total

A Galiza fica á cola do Estado en investimento en Atención Primaria

Consulta de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (Foto: CRTVG).

A Galiza atópase un ano máis á cola do Estado en investimento en Atención Primaria. Segundo os datos recollidos no informe anual elaborado pola Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública, só Madrid e as Illes Balears rexistran un gasto sanitario por habitante inferior á media galega.

A Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública acaba de presentar o seu relatorio anual sobre a Atención Primaria nas comunidades autónomas. O documento sinala que en 2019, último ano do que existen datos sobre orzamentos liquidados, Galiza destinou a Atención Primaria 188,16 euros por habitante. Segundo o informe, só inviste menos Madrid, con 150,08 euros; e as Illes Balears, con 174,05 euros.

Gasto por habitante

O gasto neste servizo do Goberno galego é 84,32 euros por habitante inferior ao de Estremadura; 79,68 euros por habitante inferior ao de Euskadi; 74,29 euros por habitante inferior ao de Castela e León; e 61,6 euros por habitante inferior ao de Nafarroa.

Na mesma liña, está moi por baixo da media estatal, situada en 211,01 euros por habitante, sendo moi superior o investimento per capita en territorios con poboación menos avellentada que a galega, como Andalucía, con 227,16 euros por habitante; ou País Valencià, con 223,02 euros por habitante.

Maior custo dos servizos pola dispersión

O presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública e voceiro de SOS Sanidade, Manuel Martín, indica a Nós Diario que “o gasto por habitante na Galiza debe ser superior de atender a dispersión xeográfica do país e o nivel de envellecemento da poboación”.

A xente maior, sinala Martín, "presenta tres veces máis problemas de saúde que a doutros grupos de idade e polo tanto require de tres veces máis atención”, continúa, ao tempo que demanda “un novo modelo de financiamento autonómico que teña en conta a realidade galega e non atenda só a parámetros de poboación total, senón a criterios de dispersión e envellecemento”.

Prioridades do Sergas

Os orzamentos galegos de 2019 teñen destinado a Atención Primaria 11,96% do investimento sanitario total. A porcentaxe significa un gasto 2,20 puntos inferior á medida estatal, situado en 14,16 % e fica moi lonxe daqueles territorios cun gasto sanitario máis elevado.

Sen ir máis lonxe, esta cifra en Andalucía acada 18,01% do gasto sanitario total, en Estremadura 16,06 % e en Castela e León 5,82%%. Só Madrid, con 11,21%  do investimento sanitario total destinado a Atención Primaria, e as Illes Balears, con 11, 21%, presentan un gasto inferior ao galego.

Martín significa que “a situación da Atención Primaria na Galiza é dramática, cun investimento que non chega a 12% do orzamento total da Consellaría da Sanidade e fica moi lonxe de 25% recomendado polos especialistas e pola Organización Mundial da Saúde (OMS)”. Na mesma liña, advirte que “prestar os servizos sanitarios en Madrid e Illes Balears son máis baratos que na Galiza pola idade da poboación e pola realidade xeográfica”. Ademais, lembra que estes dous territorios están á cabeza do Estado en seguros privados