Galiza fai un mes sen estado de alarma con 71 pacientes Covid ingresados e 1.679 casos activos

Mostras para a realización de probas PCR mediante o sistema de 'pooling' na área sanitaria de Vigo. (Foto: Xunta da Galiza).

Galiza fai un mes sen estado de alarma -quedou sen efecto o domingo 9 de maio- coa situación epidemiolóxica en descenso en casos activos da Covid-19, que caen a 1.679, así como cun novo alivio da presión hospitalaria, con 71 pacientes ingresados -oito menos que a xornada anterior-. Pola súa banda, os novos contaxios descenden a 71 -once menos que o día pasado- e a taxa de positividade baixa a un 1,3%.

Segundo os datos actualizados esta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas desta terza, aumentan a 15 os pacientes que se atopan en UCI -un máis-, mentres que descenden a 56 os que permanecen noutras unidades de hospitalización, nove menos.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase nas de Ourense, Vigo, Lugo e Pontevedra e O Salnés; mentres que aumenta lixeiramente na da Coruña e Cee; e mantense nas de Ferrol e Santiago e Barbanza.

Na de Ourense aínda que segue un paciente Covid en UCI descenden a catro os doutras unidades de hospitalización -tres menos-, e na de Vigo redúcense a catro o críticos -un menos- e a catro os doutras unidades -dous menos-.

Polo seu lado, na de Pontevedra e O Salnés continúa un ingresado pola Covid en UCI e redúcense a nove os hospitalizados noutras unidades -cinco menos-, mentres que na área de Lugo seguen dúas en críticos e descenden a catro os doutras unidades -dous menos-.

Na área de Santiago e Barbanza aínda que se reducen a dúas os pacientes Covid en UCI -un menos-, ascenden a 13 os doutras unidades -un máis-; así como na de Ferrol, onde aumentan a tres os críticos -dous máis- e descenden a seis os doutras unidades -dous menos-.

A única área sanitaria cun incremento na presión hospitalaria é a da Coruña e Cee, que pasa a ter dous pacientes en UCI -un máis- e 16 noutras unidades -catro máis-.

Tendencia descendente de casos activos

 

En canto aos casos activos de Covid-19 continúan con tendencia descendente por décimo oitava xornada consecutiva e redúcense a 1.679 -o 18 de agosto do ano pasado había 1.678-, 50 menos que a xornada anterior, ao haber máis altas (121) que contaxios (71) e non sumarse ningún falecido.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden nas de Santiago e Barbanza (-30); Vigo (-11); Pontevedra e O Salnés (-7) e A Coruña e Cee (-4), soben lixeiramente nas de Ourense (+1) e Ferrol (+1); mentres que se manteñen na de Lugo.

Así, a área de Vigo segue á cabeza con 441 casos activos de Covid-19; seguida da da Coruña e Cee, con 331; Santiago e Barbanza, con 253; Lugo, con 208; Pontevedra e O Salnés, con 186; Ourense, con 164; e Ferrol mantense á cola con 96.

Novos contaxios

Os novos contaxios de Covid-19 detectados por calquera tipo de proba mantéñense por baixo do centenar ao descender a 71, once menos que a xornada anterior, após iniciar esta semana con 54 e aumentar a 82 esta terza.

En toda a Galiza foron confirmados 68 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade, deles 19 na área de Vigo; 15 na da Coruña e Cee; nove na de Ourense; oito na de Pontevedra e O Salnés; sete na de Lugo; seis na de Ferrol; e catro na de Santiago e Barbanza.

A Galiza levou a cabo desde o inicio da pandemia 2.289.653 PCR, o que implica 4.915 máis que as rexistradas até o día pasado e unhas 1.500 máis que as feitas a xornada anterior.

Polo seu lado, a taxa de positividade mantense por baixo do dous por cento nun 1,3% após situarse nun 1,8% o día anterior e iniciar a semana cun 2,1%. Deste xeito, continúa por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia. A última vez que a Galiza excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

Desde o inicio da pandemia faleceron 2.427 persoas diagnosticadas con Covid-19 no conxunto da Galiza, sen cambios con respecto ao día anterior.