Presenza galega na manifestación do 16M en Madrid a favor do dereito de autodeterminación

Mar de Lumes fretará autocarros para facilitar a asistencia á mobilización deste sábado contra a criminalización do dereito a decidir que terá lugar ás 18 horas no Paseo do Prado. Entre as organizacións convocantes na capital do Estado está Fenda (galegas soberanistas en Madrid).

Este sábado, 16 de marzo, e en pleno centro de Madrid, no Paseo do Prado, terá lugar unha mobilización que se agarda que sexa multitudinaria na defensa do dereito a decidir. “A autodeterminación non é delito” é o lema da manifestación, convocada por una serie de organizacións madrileñas e que conta co apoio de entidades soberanistas como ANC e Òmnium e os grupos parlamentares de ERC, Junts pel Si, CUP, entre outras. Entre as convocantes está Fenda, o colectivo de galegos e galegas soberanistas en Madrid.

 

Desde a Plataforma Galiza con Catalunya súmanse a esta mobilización, á que chama a participar Vía Galega. Mar de Lumes xa puxo en marcha un proceso de inscrición para poder fretar autocarros de Galiza a Madrid para aquelas persoas que queiran estar presentes nesta manifestación. A idea é que nesta mobilización estea presente e ben visíbel un ‘bloco galego’ . A idea é que os autocarros saian de mañá e volten pola noite rematada a manifestación. O prezo do billete sería de 10 euros.

Desde a organización indícase que se prevé a chegada a Madrid de por volta de 400 autocarros procedentes de diferentes partes do Estado, deles 360 desde Catalunya. Ademais, hai 10 trens AVES de Barcelona a Madrid xa completos para esa xornada.

 

A do sábado vai ser unha gran mobilización, plural e diversa, inciden desde a Assemblea Nacional Catalina (ACN). Ademais do apoio á convocatoria desde Catalunya, desde Euskal Herria xa anunciaron que haberá representación de Gure Esku Dago, Altsasu Gurasoak e EH Bildu. De Galíza, anuncian, haberá representantes  do BNG, Anova, CIG, Vía Galega e Plataforma Galiza con Catalunya. Desde Andalucía apoia o Sindicato Andaluz de Trabajadores (SAT); e de Aragón, Puyalón.

 

As forzas sindicais que quixeron mostrar o apoio son IAC (Catalunya), Intersindical-CSC (Catalunya), Intersindical Valenciana, STEI Intersindical (Illes Balears), LAB, ESK e Steilas (Euskal Herria), CIG e CUT (Galiza), FSOC (Canarias), Intersindical Canaria, CSI (Astúries).

 

De Madrid, que acolle a mobilización, están na convocatoria un amplo abano de organizacións e colectivos. Desde Anticapitalistas e Madrileñ@s por el Derecho a Decidir, até Marchas de la Dignidad, PCE (m-l), Red Roja, Referéndum UAM, Sindicato de Estudiantes, Vallekas Decide ou Yesca. Non figuran forzas políticas como Izquierda Unida ou Podemos.