A metade das praias que Bruxelas considera non aptas para o baño no Estado están en Galiza

O colectivo de farmacéuticos inspectores, encargados da vixilancia sanitaria, advirten de posíbeis riscos para a saúde dos bañistas.

Na Galiza están máis da metade das praias contaminadas e non aptas para o baño que o informe da Unión Europea sobre a calidade das augas detecta no Estado español, 31 de 58. O Estado español é o terceiro territorio comunitario con máis praias con esa cualificación, lembran os farmacéuticos inspectores. En base á normativa, as praias nas que se detecte unha calidade de auga insuficiente durante 5 anos, son excluídas automaticamente do censo oficial de zonas de baño.

Isto implica a prohibición permanente do baño, e a obriga das autoridades sanitarias de informar aos bañistas desta prohibición. Os Farmacéuticos Inspectores de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, encargados da vixilancia sanitaria das praias galegas, advirten do risco que supón o baño nestas praias contaminadas-

Este coletivo iniciou o 18 de maio unha greve indefinida para reivindicar melloras na xestión da sanidade ambiental, critican a “pasividade” da Xunta de Galicia na xestión e mellora destas zonas de baño, e desaconsellan o baño en todo caso.