Galiza estabiliza os contaxios diarios nunha xornada con mil PCR menos

Un mozo recolle café nun establecemento de San Cibrao das Viñas (Foto: Rosa Veiga)

As áreas de Vigo e Pontevedra son as máis afectadas. A taxa de positividade repunta até o 5,2%.O número de hospitalizados con Covid-19 descende até 461.

Os positivos por coronavirus detectados en 24 horas na Galiza mantéñense estábeis en 239, tan só un máis con respecto aos 238 novos casos notificados unha xornada antes. Ambas as cifras son os valores máis baixos da pandemia na Galiza desde mediados de outubro.

O número de hospitalizados con Covid-19 descende até 461 e os que permanecen en UCI redúcense a 69.

Segundo consta na web da Consellería de Sanidade, con datos actualizados ás 18:00 horas desta segunda feira, as áreas sanitarias de Vigo e Pontevedra-O Salnés son as máis afectadas nos datos de hoxe.

En concreto, a área viguesa sumou 69 casos de Covid nun día, 35 máis que os notificados 24 horas atrás; mentres que a pontevedresa, a pesar de ser a segunda en número de novos contaxios, con 49, anotou unha baixada de cinco.

En canto ao resto de áreas sanitarias, a de Lugo-A Mariña-Monforte notificou 38 novos positivos (+14); a da Coruña-Cee, 36 (-26); e Santiago-Barbanza, 25 (+2).

Así mesmo, as que manteñen a incidencia máis baixa seguen sendo Ferrol, con 12 contaxios detectados -15 menos-; e Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con só 10 -3 menos-.

PCR

Nas últimas 24 horas leváronse a cabo un total de 4.466 probas, outro descenso de 1.004 con respecto á xornada anterior. Así mesmo, a taxa de positividade repuntou unhas décimas con respecto á da segunda feira e sitúase en 5,2%. Isto significa que Galiza volve estar lixeiramente por riba do limiar do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

A maioría de áreas sanitarias está por baixo deste límite, con Ferrol no 2,6%, Ourense no 3,1%, e Pontevedra e Santiago no 4,6%. No entanto, aínda están por enriba Vigo (5,8%), A Coruña (7%) e Lugo (7,2%).

Casos activos

En canto aos casos activos -persoas que aínda están diagnosticadas da enfermidade-, seguen cunha tendencia descendente, até os 7.646 pacientes, 160 menos que onte..

No entanto, continúa subindo igualmente a cifra de mortos que deixa a crise sanitaria na Galiza, que ascende a 1.211 tras as seis novas vítimas notificadas esta segunda feira -unha delas era usuaria de residencias de maiores-.