Galiza entra na nova normalidade sanitaria con 413 casos activos e unha taxa de positividade do 1,11%

Dous homes abandonan unha terraza da Rua da Raiña de Santiago, o día en que o TSXG declara nula a petición de certificado Covid para entrar en hostelería.
Os pacientes hospitalizados por covid na Galiza mantéñense nos 26 e os novos contaxios detectados son tamén 26.

Galiza rexistra unha melloría da maioría dos indicadores da Covid-19 na primeira xornada sen estado de emerxencia sanitaria, cun descenso dos casos activos a 413 -tres menos-- e no número de contaxios, 26. Tamén baixa a taxa de positividade até o 1,11%, mentres que os pacientes hospitalizados por covid mantéñense en 26.

Segundo os datos actualizados este sábado pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas deste venres, hai sete persoas ingresadas en UCI -unha menos--, mentres que en unidades convencionais permanecen 19 hospitalizados -un máis.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria mantense sen cambios na maioría. Así, na da Coruña e Cee, seguen tres pacientes covid en UCI e sete noutras unidades; na de Lugo, continúan tres persoas ingresadas en críticos e xa non quedan hospitalizados noutras unidades.

Polo seu lado, mantéñense sen cambios as áreas de Santiago e Barbanza, que seguen sen ingresados en UCI, e tres en planta; e na de Ourense, sen críticos e con dous noutras unidades.

Tamén a área sanitaria de Ferrol mantense sen pacientes en UCI e con dous ingresados en planta, mentres que na de Pontevedra e O Salnés hai só un hospitalizado en críticos -sen cambios.

A única zona que presenta unha lixeira variación é a área de Vigo, onde xa non quedan pacientes hospitalizados na UCI -un menos-, pero soben a cinco os ingresados en planta -un máis.

 

Menos casos activos

Os casos activos descenden por terceira xornada consecutiva despois de dous días seguidos previos de lixeiro aumento e sae da emerxencia sanitaria con 413, que supoñen tres casos menos que nas últimas 24 horas, ao haber máis altas (29), que novos contaxios (26), e non rexistrarse ningún falecemento.

As infeccións activas aumentan en dúas das sete áreas sanitarias: Pontevedra e O Salnés (+5) e Santiago e Barbanza (+2). No resto, baixan os casos activos: Ourense (-1), Ferrol (-1), Lugo (-2), Vigo (-2) e A Coruña e Cee (-4).

Por iso, a área da Coruña e Cee continúa como a única por encima do centenar de casos, con 131; seguida da de Vigo, con 69; Santiago e Barbanza, con 70; Pontevedra e O Salnés, con 52; Ourense, con 43; Lugo, con 28; e Ferrol continúa á cola, con 20. 

 

Menos de 30 contaxios

Os novos contaxios de Covid-19 mantéñense por baixo da trintena con 26, dúas menos que o día anterior, os mesmos que o xoves e tras ascender a 33 o mércores, despois dos 23 do martes e de iniciar a semana con 21. O luns 11 de outubro rexistráronse 14, a cifra máis baixa desde que a Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade'.

Deste xeito, as persoas contaxiadas na Galiza desde o inicio desta pandemia ascenden a 182.899, das que 43.214 corresponden á área da Coruña e Cee; 37.738, á de Vigo; 27.038, á de Santiago e Barbanza; 21.792, á de Ourense; 21.491, á de Pontevedra e O Salnés; 19.982, á de Lugo; e 11.644 á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test- baixa até o 1,11% desde o máis do 2% da xornada anterior. No entanto, mantense por baixo do 5% que a OMS fixa como limiar para considerar controlada a pandemia.

 

Falecidos e curados

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o comezo desta crise sanitaria ascenden a 2.649, sen cambios nas últimas horas.

Pola súa banda, 179.871 persoas diagnosticadas de coronavirus curáronse na Galiza desde o inicio da crise sanitaria, o que supón29 máis que as rexistradas até o día anterior.