A Galiza duplica en nove días os casos de Covid-19

Fileira para inocular as crianzas en Ourense, a terza feira. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Sanidade informa de que xa se superaron na Galiza as 56.000 infeccións, o que implica dobrar os casos en apenas nove días. Amais, notificou o falecemento de catro persoas.

A pandemia de Covid-19 na Galiza continúa a súa expansión, e duplica en nove días o número de casos activos, que onte chegaban a 56.456, revela a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade no seu último reporte, con datos recollidos desde as 18 horas da segunda feira á mesma hora da terza feira. Desde o 25 de decembro cada día marca un novo récord no número de infeccións.

Nesas 24 horas detectáronse 4.965 contaxios, un novo máximo desde o comezo da pandemia de SARS-CoV-2 en marzo de 2020, cunha taxa de positividade do 23,3% nas 13.177 probas PCR efectuadas ao longo da xornada. Este indicador mantense moi lonxe do 5%, a cifra marcada pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a propagación do virus.

Non obstante, rexistrouse unha lixeira diminución do número de persoas atendidas pola doenza nos centros hospitalarios, que pasan de 373 a 354, 56 atendidas nas Unidades de Coidados Intensivos -unha máis que no anterior informe- e 298 en unidades de hospitalización -20 menos-.

Esta mellora da situación asistencial reflíctese en seis das sete áreas sanitarias da Galiza, a excepción da de Ferrol, que está a atender unha persoa máis que na última comunicación.

No que atinxe aos casos activos, as áreas sanitarias de Vigo e Compostela son as que están sufrindo un maior número de infeccións, con 12.724 e 10.567 pacientes respectivamente. Precisamente na de Compostela, que inclúe o Barbanza, foi na que se detectou un maior ascenso nas últimas 24 horas, até 867.

Na da Coruña hai até o de agora 10.373 casos activos, 7.047 na de Pontevedra, 6.549 na de Ourense e 5.549 na de Lugo, mentres que a de Ferrol segue a ser a menos afectada, con 3.647.

Nas residencias, o número de casos activos de Covid é de 107, 73 máis que os recoñecidos hai unha semana, indica a Consellaría de Política Social.

Con estes datos, o Ministerio de Sanidade informa na actualización da terza feira de que a incidencia acumulada a 14 días na Galiza é de 2.119,23 casos por cada 100.000 habitantes, pouco menos de 300 puntos por debaixo da do Estado español.

Catro falecementos

Após a morte de catro persoas, notificadas no reporte de onte de Sanidade, as persoas falecidas con Covid desde o comezo da pandemia alcanzan as 2.786.