Galiza disputa con Mónaco e Corea do Sur ter a taxa de natalidade máis baixa do mundo

Unha nai pasea co seu bebé nun carriño. (Foto: Europa Press)
A Galiza figura entre os países do mundo cunha taxa de natalidade máis baixa, o que sumado persistencia da emigración —21.000 persoas só en 2020— sitúa a cuestión demográfica como un dos principais problemas a abordar. A ferramenta da Xunta para iso, a Lei de Impulso Demográfico, non serve din expertos. 

A taxa de natalidade foi na Galiza en 2019 de 5,82. É dicir, case seis nacementos por cada mil habitantes. Unha ratio das máis baixas que hai en todo o planeta. De feito, e segundo dados internacionais, só Mónaco e Corea do Sur teñen rexistros similares: 5,9 nacementos por cada mil habitantes. Nos outros por volta de 200 estados que hai no mundo, a taxa de natalidade é mellor do que a galega. Mesmo no Estado español, que rexistrou un 7,62.

De feito, países con problemas neste sentido, como Xapón, Alemaña ou Letonia, teñen moitos mellores rexistros que a Galiza. Na Unión Europea a taxa é de 9,3, máis de tres puntos por riba da galega. Se a isto se engade a persistencia da emigración, con 80.000 galegas e galegos de entre 16 e 29 anos marcharon ao longo da última década. Se apuntamos á emigración de todas as idades entre 2020 e 2020, esta foi de 319.727 persoas. 

Para afrontar o problema demográfico a Xunta aprobou en 2021 a Lei de Impulso Demográfico da Galiza, ferramenta que no Parlamento só tivo o apoio do PP e foi moi criticada por BNG e PSdeG.

"Sen obxectivos" e "natalista"

Olalla Rodil, do BNG, criticou que non fose unha "lei de consenso" e advertiu que o comportamento demográfico "non é ningunha suma de mortes e nacementos, senón que depende por completo do modelo de desenvolvemento" dun territorio, argumentou que se trata dun proxecto "que redunda en políticas  natalistas" e que ten "unha visión  reducionista e conservadora do concepto de 'familia". Marina Oterga, do PSdeG coincidiu en en tachar o texto de "natalista" e sen "compromiso real" porque non "blinda" servizos en educación e sanidade. "De que nos serve un cheque infantil se logo non temos pediatra para levar o noso fillo?".

Para o catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rubén Lois,  a emigración e a baixa natalidade combátense con políticas de emprego estábel e digno, e coa ampliación do alcance dos servizos públicos. "Tamén estas medidas de gobernanza económica e social poden traducirse en políticas demográficas", afirma.

A profesora da USC María Cadaval sinalara en conversa con Nós Diario que “demografía e economía están ligadas estreitamente. As perspectivas sobre crecemento económico e as rendas salariais afectan ás taxas de natalidade e, por outra, as tendencias da poboación teñen consecuencias de calado sobre a marcha da economía”.

O problema é outro

O historiador e catedrático Isidro Dubert, pola súa parte, convida a fuxir do "natalismo". "Até aproximadamente os anos 2010-2011, na Galiza asumíase que o problema demográfico do país tiña a súa orixe na emigración. Unha variábel de natureza non estritamente demográfica, visto seu claro fondo socioeconómico. A partir de 2011 hai un intento claro por mudar esta visión do problema demográfico galego cara ao natalismo, , a demanda da adopción de medidas destinadas a incrementar a natalidade".