Galiza despide setembro con 1.006 casos activos de Covid-19, a cifra máis baixa no que vai de ano

Espazo para a vacinación masiva en Vigo. (Foto: Europa Press)
Os pacientes hospitalizados por este coronavirus baixan a 54 e a taxa de positividade cae a un 0,5%.

Galiza chega ao final do mes de setembro cos casos activos en descenso, que baixan até os 1.006, e menos novos contaxios, que caen aos 22 -supoñen 18 menos que a xornada anterior-, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus descenden a 54 -tres menos-. 

Segundo os datos publicados pola Consellaría de Sanidade esta quinta feira con rexistros até as 18 horas da cuarta feira, mantéñense 15 persoas ingresadas en UCI e descenden a 39 as hospitalizadas noutras unidades de hospitalización -tres menos-, mentres que 952 pacientes atópanse en seguimento domiciliario.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase nas de Ourense e Pontevedra-O Salnés; aumenta lixeiramente nas da Coruña-Cee e Lugo; e mantense nas de Santiago-Barbanza e Vigo; mentres que a de Ferrol continúa como a única de Galiza sen pacientes ingresados por este coronavirus.

Galicia chega ao final do mes de setembro con tendencia descendente en canto a casos activos de Covid-19, que se sitúan en 1.006, que representan 90 menos que a xornada anterior, ao haber máis altas (111) que contaxios (22). Así, Galiza rexistra presenta a cifra máis baixa de casos activos do que vai de ano, manténdose en niveis de agosto do ano pasado.

As infeccións activas descenderon nas sete áreas sanitarias, coa da Coruña e Cee á cabeza (-23), seguida da de Ourense (-18), Vigo (-17), Lugo (-16), Santiago e Barbanza (-8), Pontevedra e O Salnés (-7) e Ferrol (-1). Por tanto, con máis casos activos continúa a área da Coruña e Cee, con 221; seguida da de Vigo, con 214; Lugo, con 190; Ourense, con 161; Santiago e Barbanza, con 122; Pontevedra e O Salnés, con 73, e a de Ferrol segue á cola, con 25.

En canto aos novos contaxios de Covid-19 caeron aos 22 no conxunto do país, 18 menos que os 40 rexistrados a xornada anterior; despois dos 29 detectadosa terza feira e arrincar a semana con 33.

Nas últimas 24 horas, foron confirmados 23 positivos con probas diagnósticas de infección activa -algúns poden corresponder a casos xa existentes-, 18 menos que o día anterior, dos cales sete corresponden á área de Vigo; cinco, á da Coruña e Cee; tres, á de Ourense; outro tres, á de Santiago e Barbanza; dous, á de Ferrol; dous, á de Lugo; e un, á de Pontevedra e O Salnés.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test- caeu a un 0,52%o. Por iso, mantense por baixo do 5% que a OMS determina como limiar para considerar controlada a pandemia. As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia ascenden a 2.637, despois de notificar esta cuarta feira a Consellaría de Sanidade un novo óbito.