Día do Transplante

Galiza cuadriplica a media da UE en doazóns e transplantes de órganos

128 persoas doadoras na Galiza permitiron a realización de 296 operacións de transplante de órganos durante o ano 2022. (Foto: Nós Diario)
Hoxe conmemórase o Día do Transplante para concienciar a sociedade.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) alcanzou no ano 2022 un total de 128 persoas doadoras de órganos, o que propiciou que se realizaran 296 transplantes nos hospitais galegos. Así, a Galiza suma un total de 9.217 transplantes de órganos realizados e máis de 3.200 doantes rexistrados desde que en 1981 se realizou a primeira operación de transplante no país.

Os datos de 2022, último ano do que a Organización Nacional de Transplantes (ONT) dispón de información completa e que recollemos co motivo da conmemoración do Día do Transplante, representan un aumento de 14% das persoas doadoras con respecto a 2021. "Este incremento sinala a unha recuperación do descenso no número de doazóns acontecido durante a pandemia da Covid-19", explica a Nós Diario Encarnación Bouza, coordinadora de transplantes da ONT na Galiza.

Non só aumentou o número de transplantes realizados, senón que as 128 galegas e galegos que doaron os seus órganos durante 2022 significan, segundo a ONT, unha taxa de 47,6 doazóns por millón de habitantes. Trátase dunha cifra que supera tanto a media do Estado español (46,3), como a media da Unión Europea (19,5). De feito, hai grandes diferenzas entre o índice galego de doazón de órganos e o de Estados considerados como "os máis desenvolvidos do mundo". Entre eles, Alemaña (11,1), Suecia e o Canadá (ambos con 19,3) ou Francia (24,7).

Intercambio de órganos

"A elevada taxa de doazón galega explícase, en parte, polo sistema de coordinación co que a ONT leva traballando desde a súa fundación en 1989", di Bouzas. A coordinadora refírese así ao sistema de intercambio de órganos entre as comunidades do Estado. "Noutros Estados europeos están comezando a utilizar modelos de coordinación semellantes pero aquí xa o temos moi perfilado", engade a coordinadora.

Neste caso, a Galiza é "exportadora de órganos", pois envía a outras comunidades máis órganos dos que recibe (102 fronte a 74). Cantabria (21/88), Catalunya (85/335) e Madrid (82/387) son as comunidades que reciben máis órganos dos que envían."O bo facer do persoal sanitario  nos hospitais da Galiza e a propia vontade das familias á hora de doar tamén é fundamental", valora Bouzas. "Estamos moi agradecidas a doantes e familiares pola xenerosidade amosada neses momentos tan difíciles. É grazas a eles que as cifras de transplantes continúen aumentando na Galiza", afirma.

Accións educativas

Desde a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) explican que tamén os datos galegos en transplantes, que cuadriplican a media europea, débense en parte ás charlas que a ONT leva realizando desde hai anos nos centros escolares "para fomentar a doazón". No curso académico 2021-2022 leváronse a cabo 64 palestras nas que participaron 2.500 escolares de toda a Galiza.

Igualmente, ADOS convoca diferentes concursos de curtametraxes e de carteis, dirixidos a estudantes de primaria, secundaria, formación profesional e universitarios, sobre a doazón e os transplantes de órganos. Son accións formativas coas que "pretenden incidir na sociedade galega a longo prazo".

Menos negativas e máis inscricións como doantes

A resposta negativa de familiares á doazón de órganos en 2022 foi de 18%, o que confirma a consolidación da tendencia descendente das mesmas nos últimos anos. A este respecto, desde a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), explican que son "fundamentais" os cursos de "malas noticias" impartidos a profesionais do sistema público de saúde da Galiza.

Nestes abórdanse distintos aspectos, tales como afrontar a perda tras o falecemento dun ser querido, ou as actitudes do persoal sanitario neses momentos de especial sensibilidade. Trinta e cinco profesionais formáronse neste aspecto en 2022. Ademais, soben tamén as inscricións. Na actualidade hai 121.673 persoas que posúen a tarxeta de doante de órganos. Desas máis de cen mil persoas, 1.986 son novas tarxetas inscritas ao longo do ano 2022.