Corenta anos da primeira tractorada que parou o país
O 3, 4 e 5 de decembro de 1977, máis de 20 mil tractores trancaron as estradas da Galiza en protesta contra a cota empresarial agraria e o réxime autonómico. 40 anos despois recuperamos a memoria daquela mobilización e da oposición das labregas e labregos galegos á cota empresarial. Acompañamos esta peza de Cilia Torna cunha reportaxe fotográfica daquela xornada de loita realizada en Navia de Suarna polo dirixente nacionalista Xesús Méndez. Eis un extracto do publicado no Sermos Galiza 274.
Galiza ficou tomada polos tractores. Segundo os dados recollidos nun informe interno da comisión do rural da UPG, organismo deste partido que xogou un papel decisivo na dirección e orientación do conflito, máis de 200 mil persoas mobilizáronse ao longo dos tres días, concentrándose tractores e mesmo carros do país na práctica totalidade dos concellos cabeceiras de comarca, con especial incidencia no norte do país, precisamente onde as Comisións Labregas contaban con máis penetración, e co comercio fechado en boa parte das zonas afectadas. A campaña de axitación social e as propias xornadas nas que as rúas permaneceron ocupadas polos vehículos agrarios desenvolvéronse nun escenario dunha forte represión policial e de grande agresividade do españolismo fronte ás demandas labregas, até o punto de que só a ANPG e a UPG apoiaron a protesta. A dureza das forzas da orde, utilizando armas de fogo contra os manifestantes en diversas localidades de Galiza, provocou o ingreso no hospital do veciño de Sarria Elías Vázquez, ferido por disparos da garda civil, respostando os labregos cun feche de 800 persoas na catedral de Lugo e manifestacións en diversas localidades, como Meira, Corgo, Outeiro de Rei ou Sarria.
[Podes ler a peza enteira no número 274 do semanario Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]