Saldo vexetativo da Galiza: 9.000 falecementos máis ca nacementos

Un grupo de persoas conversa durante a fase 1 mantendo a distancia e protexéndose con máscaras (Imaxe: María José López)

No primeiro semestre de 2020

Galiza rexistrou 16.518 mortes e 7.562 nacementos no primeiro semestre de 2020 o que deixa un saldo vexetativo negativo de 8.956 persoas.

Deste modo, o saldo vexetativo galego agudiza os seus datos negativos respecto ao mesmo período de 2019 (cando esa fenda entre nacementos e falecementos era de 8.456), segundo publica o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Con todo, Galiza deixa de ser o territorio con peor saldo vexetativo, pero non porque mellore as súas cifras, senón por empeoramento doutras comunidades nun semestre marcado pola primeira vaga do coronavirus.

Así, Cataluña presenta a maior diferenza entre defuncións e nacementos (-15.347), seguida de Madrid (-14.895) e Castela e León (-12.668).

Na Galiza, as 16.518 mortes son 323 (+2%) máis que no primeiro semestre de 2019. Neste caso, é unha diferenza menor ás cifras de falecidos na Galiza na primeira onda (619).

Pola súa banda, os nacementos (7.562) seguen á baixa, pois son un 2,3% menos que no seis primeiros meses de 2019 (7.739).

Aínda así, esta diminución é menos acusada que o ritmo de baixada dun ano antes (-7,4%). De feito, o 2,3% de decrecemento do primeiro semestre de 2020 é inferior ao da media española (-4,2%).

Galiza disputa con Mónaco e Xapón ser o país coa taxa de natalidade máis baixa do mundo. Con 7 nacementos por cada mil habitantes só superamos, en todo o mundo, o ratio de Mónaco, con 6,7. A isto engádese que temos dos índices de fecundidade máis baixos. Ou sexa, que estamos entre aqueles territorios onde o número de fillos e fillas por muller ao longo da súa vida fértil é menor. Galiza forma tridente con Asturies e Canarias. E moi perto delas está Madeira (Portugal). Son catro territorios en serio risco do que se denomina 'inverno demográfico', con baixas taxas de fecundidade e natalidade, e poboación aventellada.