Día mundial da biodiversidade

Galiza continúa á cola en superficie protexida: 12% fronte ao 27% de media estatal

Adega lamenta os “retrasos inxustificábeis” das administracións no compromiso coa biodiversidade. “Semella que o papel da administración consiste en xestionar ordenadamente a súa extinción”, lamentan.

O 22 de maio é o Día mundial da biodiversidade, unha data que Adega aproveita para facer un repaso sobre a situación da biodiversidade no noso país, analizando as diferentes lexislacións e ferramentas para a súa conservación e protección.

 

“Galiza segue á cola en porcentaxe de superficie protexida, con apenas o 12% fronte á media estatal do 27%”, afirma a asociación ambientalista. Denuncia que as dúas ampliacións da Rede Natura 2000 prometidas, en 2008 (a 18%) e 2012 (a 15%) non se levaron a cabo, malia a estaren practicamente rematados os trámites administrativos. “Nen sequera se atenderon os reiterados requerimentos da Comisión Europea relativos á necesidade de ampliar a representatividade de determinados hábitats sensíbeis: queirogais húmidos e turbeiras en 2004, e bosques aluviais e prados de sega, en 2006”. 


Para Adega o Plan Director da Rede Natura chegou con retraso e “consolidou un excesivo abuso da discrecionalidade para introducir excepcións á carta e permitir actividades como piscifatorías, incineradoras, caza, rallys, plantacións de eucaliptos..., mesmo, nas zonas de maior valor e sobre hábitats protexidos.
 

Retrasos que tamén hai, engaden, en instrumentos de xestión dos espazos protexidos (PRUX, Planos de Conservación).

 

Só 3 das 200 especies do Catálogo Galego de Especies Ameazadas contan cun plano de conservación ou recuperación aprobado, malia a que a Xunta garda dende hai 10 anos varias ducias máis sen aprobar. “E isto ten consecuencias: especies como o mazarico real ou o sisón esmorecen por falta de xestión e poden extinguirse en poucos anos como xa fixo o arao dos cons e a pita de monte”, .
 

Adega é clara: en paralelo á progresiva penetración da lexislación ambiental dende instancias internacionais (Directivas de Hábitats, de Aves, Marco da Auga, de Residuos, regulamento REACH, etc) até a lexislación estatal e galega, hai un movemento de reacción que pretende baleirar de contido ou deturpar os avanzos normativos acadados.


Diante deste panorama, conclúe a Asociación para a defensa ecolóxica da Galiza, “semella que con respecto á biodiversidade galega, o papel da administración consiste en xestionar ordenadamente a súa extinción”.