A Galiza contabiliza cinco casos de hepatite de orixe descoñecida en crianzas

Imaxe tomada con microscopio do virus da hepatite. (Foto: Europa Press)
O Ministerio de Sanidade notificou os dous primeiros falecementos por hepatite infantil de orixe descoñecida no Estado español.

O Ministerio de Sanidade notificou esta quinta feira cinco casos de hepatite de orixe descoñecida en crianzas na Galiza. No conxunto do Estado español, esa cifra ascende até as 46 persoas.

Dos 46 casos, tres tiveron que recibir transplante de fígado. Aliás, Sanidade notificou o falecemento de dúas das crianzas, após non poder superar a cirurxía de transplante do órgano.

Segundo os datos recollidos até o 3 de agosto pola Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica, dependente do Ministerio de Sanidade, os 46 casos desta hepatite de orixe descoñecida déronse en crianzas con idades comprendidas entre os 0 e 16 anos. Deles, 60% son de rapazas, por 40% de rapaces.

A distribución por autonomías é a seguinte: Andalucía (3), Aragón (1), Baleares (4), Canarias (1), Castela e León (2), Castela A Mancha (3), Catalunya (9), a Galiza (5), Madrid (15) e Murcia (3).

Síntomas notificados

Entre os casos de hepatite dos que se dispón información, os síntomas notificados con maior frecuencia foron malestar (26 casos; 65%), vómitos (26 casos; 59%), febre (23 casos; 58%) e dor abdominal (21 casos; 50%). Notificouse ictericia en 20 casos (50%), diarrea en 12 casos (29%), síntomas respiratorios en 10 casos (25%) e sarabullo en 9 casos (23%).

En calquera caso, Sanidade asegura que "até o momento, o número de casos de hepatite de causa descoñecida en crianzas observados nesta emerxencia sanitaria atópanse dentro dos esperados segundo as estimacións realizadas con datos dos anos previos".

De feito, o ministerio explica que unha análise comparativa entre autonomías non observou "un aumento dos casos de hepatite grave de orixe non coñecida en crianzas de 0 a 16 anos no período de xaneiro a maio de 2022 comparado co mesmo período dos cinco anos anteriores, nin tampouco na desagregación de códigos e idades".

"Non se detectou tampouco entre xaneiro e xullo de 2022 a nivel estatal maior incidencia de hepatites fulminantes na idade pediátrica que requiran transplante hepático, respecto á media estimada para o mesmo período entre 2012 e 2021", resume Sanidade.