A Galiza conta coa taxa de discapacidade máis alta do Estado

'Baixo o mesmo paraugas' convoca encontros hoxe na Coruña, Vigo, Ourense e Pontevedra.

Paraugas de todas as cores volverán ateigar durante unhas horas as rúas da Coruña, Vigo, Ourense e Pontevedra este 3 de decembro. Conmemórase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, unha data na que perto dun cento de colectivos da Galiza chaman a participar 'baixo o mesmo paraugas' dunha sociedade máis diversa e plural.

As persoas con e sen discapacidade comparten ilusións e desexos por igual, afirman as entidades convocantes dunha iniciativa que chega á súa sétima edición, razón de máis, din, para reivindicar por xunto obxectivos comúns: unha vida plena e de calidade, maior autonomía, accesibilidade universal, a incorporación en igualdade ao mercado laboral, unha asistencia sanitaria eficaz, un ensino integrador, ocio e deporte inclusivos.

Poder elixir como vivir a nosa propia vida de maneira activa, precisa dunha sociedade preparada e exenta de barreiras psicolóxicas, sociais, mentais e físicas

Son algúns dos desexos expresados estes días por ducias de persoas con discapacidade, compartidos 'baixo o mesmo paraugas' en redes sociais canda a outras arelas que visibilizan as dificultades que aínda atopan para culminar o seu desenvolvemento en igualdade de condicións: amigos, un traballo, vacacións, sacar o carné de conducir, coidar da familia, viaxar ao estranxeiro, sacar unhas oposicións ou un dobre grao na universidade. 

 

"Poder elixir como vivir a nosa propia vida de maneira activa, precisa dunha sociedade preparada e exenta de barreiras psicolóxicas, sociais, mentais e físicas", aseguran desde a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami).

Desigualdade

Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) a Galiza é o territorio do Estado con maior taxa de discapacidade, con 116 persoas por cada 1.000 habitantes. De acordo co censo de persoas con discapacidade que actualiza a Consellaría de Política Social, a 31 de decembro de 2021, había no país 243.323 persoas cun grao de discapacidade igual ou superior a 33%, das cales 8.379 son menores de até 15 anos.

Máis de 185.000 persoas teñen  discapacidade física; unhas 39.800, discapacidade intelectual; algo máis de 64.300, discapacidade mental; 48.900, discapacidade sensorial (visual, auditiva, da linguaxe), e case medio cento contan cun diagnóstico de enfermidade rara.

A obtención do certificado de discapacidade é un dos requisitos máis urxentes para as persoas do colectivo e as súas familias. É a porta de acceso a recursos e servizos cos que poder garantir unha vida autónoma, en comunidade e igualdade de condicións, cada vez máis condicionada polas demoras na obtención da valoración do grao de discapacidade.

A Galiza é o territorio do Estado con maior taxa de discapacidade, con 116 persoas por cada 1.000 habitantes

A desigualdade no exercicio dos dereitos das persoas con discapacidade persiste, advirten desde Cogami. Sinalan unha "discriminación estrutural e histórica" en todos os ámbitos, desde o educativo ao xudicial, pasando polo laboral, o social ou o lexislativo; máis intensa no rural que nas cidades, onde os recursos dispoñíbeis son máis escasos.

Así, o movemento asociativo en prol das persoas con discapacidade reclaman o compromiso das Administracións para garantir o cumprimento das leis e de toda a sociedade para favorecer unha visión positiva de todas as persoas con independencia das súas características. E chaman a exhibilo hoxe mesmo, 'baixo o mesmo paraugas', un encontro simultáneo a partir das 12 do mediodía no paseo do Parrote (A Coruña), na praza da Estrela (Vigo), na praza Maior (Ourense) e na praza da Ferraría (Pontevedra).