Galiza conmemora o Día Internacional das Zonas Húmidas

Gandaras de Budiño (SGHN).
O 2 de febreiro de 1971 asinouse na cidade iraniana de Ramsar o convenio internacional que regula a protección das zonas húmidas, ecosistemas fundamentais para a conservación da biodiversidade.

Na Galiza ten 1.131 zonas húmidas, cinco delas recoñecidas como Sitio Ramsar. A lagoa e areal de Valdoviño, na comarca de Ferrolterra, que ocupa 740 hectáreas; a da ría de Ortigueira e Ladrido, con case 3.000 hectáreas; o complexo das praias, lagoa e dunas de Corrubedo, que conta con perto de 1.000 hectáreas; a ría de Ribadeo, entre Galiza e Asturias, cunha extensión de 1.740 hectáreas, das que 563,44 están en territorio galego, e o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada, que suma 2.476,72 hectáreas.

Son, segundo a conselleira de Medio Ambiente Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, cinco espazos fundamentais para o coidado e conservación do medio ambiente e da biodiversidade, xa que son zonas propicias para a diversidade biolóxica, mais tamén para o descanso e a alimentación das aves migratorias.

Perda de biodiversidade

As zonas húmidas e a biodiversidade é o lema escollido este ano para celebrar o valor destas reservas. Están cheas de vida. Segundo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, 40% das especies vexetais e animais do planeta viven ou reprodúcense cen en zonas húmidas. Até o momento, hai máis de 100.000 especies documentadas de auga doce en todo o planeta. 30% das especies de peixes coñecidas son de zonas húmidas e cada nao descobren 200 especies novas.

“As charcas son hábitats descoñecidos, infravalorados e sometidos a un rápido proceso de degradación e desaparición”.

Mais as evidencias científicas alertan da perda de biodiversidade, ameazadas polo cambio climático, pola proliferación de especies invasoras, pola mingua dos bosques de ribeira, pola contaminación e pola impacto ambiental de cada vez máis proxectos industriais.

Desde 1970 diminuíu 81% das especies das zonas húmidas continentais e 36% das especies dos espazos costeiros e mariños. 25 % das especies están ameazadas de extinción.

Charcas cheas de vida

Os colectivos ecoloxistas saben ben do valor que agochan as zonas húmidas. E non só as que gozan de especial protección. De feito prefiren poñer foco nese millar de espazos acuáticos, reducidos e abandonados, espallados polo país. Charcas e lagoas que son, segundo a Asociación Ecolóxica para a Defensa da Galiza (Adega), “hábitats descoñecidos, infravalorados e sometidos a un rápido proceso de degradación e desaparición”.

Esas pequenas zonas húmidas, apuntan, “ofrécennos numerosos beneficios ecosistémicos xa que albergan importantes poboacións de algas e plantas. Especies raras ou ameazadas de anfibios e odonatos que precisan deste medio para completar o seu ciclo vital. Moitas constitúen elementos patrimoniais singulares, e abundan na xeografía galega”.

Roteiro

Desde a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), hoxe é unha xornada para concienciar a todos os públicos sobre a problemática do lixo que invade a natureza. Residuos de todo tipo vertidos directamente ao medio, en particular ás zonas húmidas.

"Esta data pretende crear conciencia sobre a importancia dos espazos húmidos para a vida e a necesidade de xerar cambios positivos nestes hábitats".

Onte dedicaron a xornada a divulgar os valores naturais mais os problemas de contaminación do complexo húmido da Limia, constituído pola Lagoa de Antela -a maior de auga doce da península ibérica- e as chairas de inundación do sistema fluvial Limia-Antela.

Este domingo, dedican a xornada a unha ruta interpretativa polo espazo natural das Gándaras de Budiño, co obxectivo de coñecer as zonas húmidas das ribeiras do Louro e o seu patrimonio etnográfico. Esta data, a do 2 de febreiro, explican desde a SGHN, “pretende crear conciencia sobre a importancia dos espazos húmidos para a vida, sobre as oportunidades e limitacións no desenvolvemento e uso destas áreas, mais tamén debe servir para crear alianzas que xeren cambios positivos nestes hábitats”.