A Galiza é a comunidade do Estado coa taxa máis alta de persoas con discapacidade

A taxa de discapacidade na Galiza aumentou nos últimos 12 anos. (Foto: Drazen)

Segundo o Real Padroado da Discapacidade, a Galiza rexistraba 116,5 persoas discapacitadas por cada mil habitantes en 2020.

A Galiza contaba con 116,5 persoas de máis de seis anos con discapacidade por cada mil habitantes en 2020, superior á media estatal (97 por cada mil habitantes), o que representa a taxa máis elevada por comunidades.

Así se desprende do estudo 'Análise sobre a situación dos dereitos das persoas con discapacidade e identificación de retos de futuro' publicado polo Real Padroado sobre Discapacidade, e que toma como base os datos da Enquisa de Discapacidade, Autonomía persoal e situacións de Dependencia 2020 (IDADE-2020) publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Por detrás da Galiza sitúanse Canarias (115,0) e Castela-A Mancha (111,4). Na outra cara da moeda Illes Balears (79,0), Comunidade Foral de Navarra (79,6) e Comunidad de Madrid (80,7), que presentan as taxas máis baixas.

Se os datos se comparan cos solicitados na IDADE-2008, obsérvase que a taxa de discapacidade aumentou nos últimos 12 anos. E é que a Galiza contaba con 112,9 persoas con discapacidade por cada mil habitantes en 2008, momento no que era a terceira rexión cunha maior taxa de persoas con diversidade funcional.

Naquel momento era Melilla a que lideraba a clasificación (118,6), seguida de Ceuta (113,2), e Galiza (112,9). Ademais da subida do país galego que a sitúa no primeiro posto da listas, as dúas cidades autónomas reduciron "significativamente" as súas taxas.

Outro dato que ofrece o informe é a concentración de persoas con discapacidade no medio rural. Aproximadamente a cuarta parte da poboación do Estado español con diversidade funcional vive no rural. Esta concentración é "especialmente alta" na Galiza

Impulsar políticas públicas

Segundo explica o Real Padroado nun comunicado, o estudo busca ser de utilidade para poder realizar "as adecuadas políticas públicas a favor dos dereitos das persoas con discapacidade baseadas no necesario coñecemento científico".

Para iso, profunda en aspectos como a cidadanía activa e os dereitos humanos, a inclusión e participación social, a autonomía persoal e a vida independente, a igualdade e a diversidade e a accesibilidade universal, "tendo sempre especialmente en conta a perspectiva de xénero, a ‘ruralidade’ ou as persoas con grandes necesidades de apoio".

Así, o estudo conclúe que, aínda que as melloras normativas dos últimos anos supuxeron un enorme avance para as persoas con discapacidade, "seguen sendo moitas as barreiras que atopan na súa vida diaria para gozar do exercicio dos seus dereitos en igualdade de condicións".

É por isto que instan os poderes públicos a seguir realizando "unha acción decidida" para "garantir" os dereitos das persoas con discapacidade, o exercicio dos seus dereitos en igualdade de condicións, e a igualdade e a non discriminación, tal e como esixe, lembran, a Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.