As xornadas 'Terra, Mar e Xente' analizan a sustentabilidade territorial, ambiental, social

Vence

Organizadas polo BNG, Fundación Galiza Sempre e Alianza Libre Europea (ALE)-Os Verdes, o encontro reúne a expertos, ambientalistas, representantes de sectores produtivos, políticos... para debullar a necesidade dun desenvolvemento sustentábel. Na inuguración, Vence reclamou un debate social e político sobre a aposta da Xunta de "abrir Galiza en canal ás transnacionais mineiras"

 

'Defensa do territorio: unha chamada urxente á sustentabilidade territorial, medio ambiental, social'. Baixo este título desenvólvese este sábado na  Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela unha xornada na que se incidirá, por parte de diferentes representantes de sectores sociais do país, na sustentabilidade. Falarase desde a conservación, xestión e protección dos Espazos Naturais e da Biodiversidade até a problemática da minería en Galiza, pasando polo desenvolvemento rural, política forestal, transxénicos...

O saneamento integral do litoral mariño e dos ríos, xestión e protección das costas e espazos fluviais son outros temas a debate e studo nesta cita. Tamén a xestión de residuos: situación actual, Iniciativa Lexislativa Popular, alternativas á incineración e outras experiencias de fóra de Galiza.

Xa que logo, porase sobre a mesa diversas cuestións non só de actualidade, senón tamén de futuro para saber que país se quere construír. Incídese en que un outro modelo de progreso é posíbel para Galiza e Europa desden a conciencia do respecto ao territorio.

Tecer redes para un outro progreso posíbel

Toman parte na mesma membros de organizacións ambientalistas, así como de asociacións de pulo polo rural ou de plataformas cidadáns que operan en diferentes comarcas do país na defensa do territorio e dos sistemas produtivos, representantes de sectores produtivos do mar e do agro, técnicos, expertos, e tamén responsábes políticos.

As xornadas están organizadas polo BNG, Fundación Galiza Sempre e Alianza Libre Europea (ALE)-Os Verdes

Vence: "A Xunta abre Galiza en canal para as transanacionais mineiras"

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, reclamu na inauguración destas xornadas ao Goberno autonómico un debate político e social “urxente” sobre o Plan de Actividades Extractivas aprobado polo Executivo de Feijóo que, advertiu, “abre Galiza en canal para as empresas transnacionais mineiras e converte toda Galiza en potencialmente expoliable, sen criterios de país en termos económicos, sociais e medioambientais”.

Vence tamén fixo referencia á Lei de Costas e as “ncertidumes” que abre sobre o traslado de Ence, toda vez que traslada a toma de decisións ao Goberno central. Neste sentido, o dirixente nacionalista instou a Feijóo a “cumprir o seu compromiso de sacar á pasteira da Ría en 2018 sen máis dilacións”. O “proceso de consultas” anunciado polo presidente da Xunta “fai pensar que está ideando unha estratexia para volverse atrás e permitir que primen os intereses da empresa en lugar dos intereses do país, porque a estas alturas Feijóo non debería ter necesidade de facer ningunha consulta para saber que precisamos recuperar a Ría de Pontevedra e para iso Ence ten que irse en 2018”, explicou.