Así é o novo calendario de vacinación das crianzas galegas

Unha nena prepárase para ser vacinada contra a Covid. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A próxima semana comeza a campaña de inmunización fronte ao virus do papiloma humano e posteriormente será a quenda da gripe e a meninxite.

A Galiza comezará o próximo 15 de setembro a administrar a vacina contra o virus do papiloma humano a crianzas e, a continuación, a inocular as novas vacinas infantís incluídas no calendario, a da meninxite B —a partir do 1 de novembro— e a da gripe —ao longo do mes de outubro—. Así o confirmou esta cuarta feira o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que presentou durante unha visita ao edificio do Sergas en San Lázaro o novo calendario vacinal ao longo da vida, que incorpora as doses infantís e adultas e que aprobará esta quinta feira o Consello da Xunta.

Deste modo, o 15 de setembro comezarase vacinar contra o papiloma humano os nenos de doce anos, unha inmunización que, até o de agora, recibían só as nenas. A dose afectará todos os varóns nados desde xaneiro de 2010.

Pola súa parte, a vacina contra a meninxite B, que até o momento se administraba de forma voluntaria e sufragada polos pais e nais, porase en tres doses: aos dous meses, catro meses e doce meses, esta última de recordo.

Esta inclusión no calendario de vacinación —e a gratuidade— afectará, no entanto, só os bebés nados desde o 1 de setembro de 2022, isto é, que teñan dous meses de idade no momento de arranque. Segundo confirmou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, non está previsto incluír os nados previamente.

No ámbito da meninxite, o calendario vacinal infantil inclúe outra novidade: o cambio da segunda dose da vacina contra na meninxite C, aos doce meses, por unha que abrangue tamén as variantes A, W e Y. Até o de agora, a inmunización conforme ao calendario oficial realizábase coa vacina contra a meninxite C aos catro e doce meses, mentres que aos doce anos o recordo facíase coa dose para ACWY. No entanto, propúñase aos pais e nais cambiar a dose dos doce meses pola que agora sufragará Sanidade, aínda que asumindo o custo.

Para concluír, inclúese neste novo calendario vacinal a inmunización contra a gripe a todos os nenos entre seis meses e cinco anos, un proceso que levará a cabo, como ao resto da poboación diana, durante o mes de outubro.

"A partir deste ano, a Galiza vai contar cun calendario de vacinación ao longo de toda a vida, un documento integral que supón un cambio na mentalidade sobre a vacinación", dixo García Comesaña.

Na liña do aprendido estes anos por mor da Covid e da "concienciación dos beneficios das vacinas", este calendario aposta por entender este proceso non só como "un asunto infantil", senón como un "sistema de protección das persoas ao longo de todas as etapas da súa vida".