Manifestación en Vigo

A Galiza, á cola do Estado español en investimento en Atención Primaria

Vigo mobilizouse esta quinta feira na defensa da Atención Primaria. (Foto: Nós Diario)

O Goberno do Estado vén de facer públicos os datos da Estatística do Gasto Sanitario en base á liquidación orzamentaria de 2020, que sitúan a Galiza á cola en investimento en Atención Primaria. Precisamente, esta quinta feira milleiros de persoas manifestáronse en Vigo contra o seu desmantelamento.

O desmantelamento da Atención Primaria, que protagonizou unha manifestación multitudinaria en Vigo, centra a axenda mediática. O Executivo galego destinou nos seus orzamentos de 2020 ao sistema sanitario unha contía equivalente ao 7,8% do Produto Interior Bruto (PIB) da Galiza, rexistrando un investimento por habitante de 1.702 euros e colocándose en niveis de gasto superior a outras seis comunidades. Porén, a súa achega á Atención Primaria foi moi inferior, só superando a Comunidade de Madrid.

Os datos da Estatística do Gasto Sanitario que o Ministerio de Sanidade vén de dar a coñecer evidencian o infrafinanciamento da Atención Primaria. Enténdese por gasto sanitario en Atención Primaria o derivado da "actividade asistencial realizada por médicos de familia, pediatras, enfermeiras e demais persoal sanitario e non sanitario encamiñada a conseguir o mantemento e mellora da saúde no primeiro nivel de asistencia sanitaria, tanto en centros de saúde como en calquera tipo de consultorios urbanos ou rurais ou nas casas dos doentes", segundo o Ministerio.

A destinou á Atención Primaria en 2020 11,6% do total destinado a sanidade. A porcentaxe significou un investimento de 2,3 puntos inferior á media estatal, situada en 13,9%, e ficou lonxe daqueles territorios cun gasto sanitario máis elevado. Esta cifra en Andalucía chegou a 17,7% do gasto sanitario total, en Castela- León a 16 %, en Estremadura a 15,5% e en Nafarroa a 15,25%.

Madrid

Só Madrid investiu menos diñeiro en Atención Primaria que Galiza. Así, a comunidade presidida por Isabel Díaz Ayuso destinou 10,7% do orzamento sanitario á Primaria. Na anualidade de 2021 Balears superou a Galiza en gasto sanitario en Primaria, tras destinar a este servizo 12% do investimento total en saúde. Galiza, Madrid e Balears veñen ocupando as posicións de cola do Estado de gasto en Primaria ao longo da última década.

Os orzamentos galegos de 2020 dedicaron 533,8 millóns de euros á Atención Primaria. A contía representou 11,6% do diñeiro destinado nas contas públicas ao mantemento do servizo sanitario. A porcentaxe significou unha baixa de 0,4 puntos en relación coa anualidade anterior, sendo a cantidade máis baixa dos últimos 10 anos. O orzamento de 2009, o último elaborado polo Goberno bipartito, achegou para Atención Primaria 12,3% do gasto sanitario total.

O custo da prestación sanitaria na Galiza é máis elevada que nas comunidades que a acompañan nos postos de cola en investimento en saúde. A isto, contribúe a pirámide demográfica, cunha poboación envellecida, e unha realidade xeográfica marcada pola dispersión territorial. A este respecto, Galiza dispón de 465 unidades para prestar o servizo, 398 centros de saúde e 67 consultorios, o que representa 17,2 centros de Primaria por cada 100.000 habitantes, unha porcentaxe cinco puntos por baixo da media estatal e menos do dobre que áreas como Cantabria ou Nafarroa.

O factor da idade

A totalidade dos estudos coinciden en sinalar o aumento das necesidades sanitarias a medida que se incrementa a idade. Así, os investigadores da Universitat Pompeu Fabra, Jaume Puig-Junoy e Ruth Puig Peiró teñen sinalado para o conxunto do Estado español “con respecto á relación existente entre as visitas ao médico e a idade dos individuos" dous colectivos que realizan un consumo de Atención Primaria 50% superior á media: a poboación de entre 0 e 4 anos e a de máis de 65 anos.

Os datos da Galiza non resisten comparación cos de Madrid ou Balears. Mentres o índice de envellecemento sitúase na Galiza en 202%, o cal representa 202 persoas maiores de 64 anos por cada 110 menores de 16, no Estado español representan  125,79%, en Madrid 110,85% e nas Illes Balears 102,20%. O  debate sobre o novo modelo de financiamento ten posto o foco nesta cuestión, sendo un dos eixos das reclamacións da Xunta.

A cobertura dos seguros médicos privados é outro factor diferencial da Galiza con Madrid e as Illes Balears. Así, na Galiza só 16,3% da poboación é titular dun seguro privado, fronte a 29,5% da balear e 36,7% da madrileña, factor que reduce as necesidades do investimento público.

O barómetro de 2020 do Ministerio de Sanidade sinala como a cidadanía galega opta polo sistema de saúde público nunha porcentaxe de 75,96%, mentres 41,82% da poboación do Estado aposta polo modelo privado, encabezando os residentes en Madrid as preferencias por este sistema, até o punto que 24,5% do total das persoas con seguro médico do Estado son madrileños.

Masiva manifestación en Vigo

Milleiros de persoas marcharon no serán desta quinta feira polas rúas de Vigo en defensa da Atención Primaria e en resposta a “profunda crise estrutural” que atravesa este servizo. A mobilización, convocada pola plataforma Sos Sanidade Pública e apoiada polas forzas de oposición e as organización sindicais, partiu ás 20:00 horas do PAC da viguesa rúa de Pizarro baixo a lenda de “Salvemos a Atención Primaria. Recuperemos a sanidade pública”.

Os manifestantes instaron á Consellaría de Sanidade “a implantar de forma inmediata unha Atención Primaria digna”, con profesionais suficientes para atender con tempo aos e os pacientes, así como unha atención hospitalaria con capacidade para atender a 100% da cidadanía sen “insoportábeis” listas de agarda. Na mesma dirección, alertaron do duro escenario que prevén para o verán no sistema sanitario galego.