O galego é o Goberno autonómico que menos diñeiro achega ao servizo de dependencia

O investimento da Xunta en dependencia sitúase en mínimos. (Foto: Europa Press)

As cifras achegadas no último informe da Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais do Estado volven pór en evidencia a precariedade dos servizos sociais na Galiza. Os datos deste relatorio inciden nos achegados nas  anteriores anualidades e certifican o nivel de subdesenvolvemento do sistema galego de benestar.

As achegas públicas ao mantemento do sistema de benestar non deixan de caer desde a chegada ao Executivo galego de Alberto Núñez Feixoo. Os últimos orzamentos elaborados polo Goberno bipartito do PSOE e do BNG en 2009 recollían un investimento en materia de servizos sociais de 724 millóns de euros, mentres que a dotación orzamentaria de 2020 non chega a 715 millóns de euros. A maiores, esta rebaixa coincide cun aumento na contía total das contas públicas e cando o Produto Interior Bruto (PIB) de 2020 en termos correntes foi claramente superior ao do último exercicio do bipartito.

O último informe da Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais do Estado pon negro sobre branco a falla de investimentos do Goberno galego en materia de dependencia. A Xunta da Galiza é o Executivo autonómico que menos diñeiro achega á prestación deste servizo, ficando a súa contribución en 76% do total. Mentres esa contía en Euskadi acada o 91%, en Nafarroa o 89% ou en Catalunya o 86%, a Administración galega colócase á cola do Estado, malia dispor de plenas competencias na cuestión. Neste sentido a asociación destaca que a Xunta da Galiza tenta transferir aos entes locais a prestación de determinados servizos de benestar.

A Galiza é o territorio do Estado con menor gasto por persoa potencialmente en situación de dependencia. O investimento da Xunta é de 868 euros, fronte aos 2.552 euros de Euskadi, os 2.058 euros de Nafarroa ou os 1.634 euros de Castela e León. A este respecto, o informe destaca a “acusada desigualdade territorial” e debuxa unha foto final que atende cuestións de carácter estrutural e conxuntural. Así, entre as primeiras, salienta o atraso histórico do estado de benestar na Galiza e no conxunto estatal que non ten logrado os niveis dos países do centro europeo, en opinión do médico e sociólogo Viçent Navarro, “polo enorme dominio que as forzas conservadoras tiveron e teñen no noso país”.

1,58% do PIB galego para servizos sociais

O gasto por persoa beneficiaria dunha prestación de dependencia na Galiza colócase en 6.547 euros. A contía achegada pola Xunta para sufragar a prestación só supera os 6.251 euros de Andalucía, sitúase moi por debaixo da media estatal -situada en 7.991 euros- e fica a moita distancia de Euskadi con 12.480 euros, de Estremadura con 11.695 euros, de Nafarroa con 10.250 euros e de Asturias con 9.024 euros. Estas cifras atópanse na liña do anterior informe da citada asociación, que sinala que “a porcentaxe de gasto en servizos sociais a respecto do PIB” colócase en 1,58% do total, dúas décimas por baixo da media estatal” e concreta que “o gasto consolidado en materia de servizos sociais por habitante ano” chega na Galiza aos 367 euros mentres no conxunto do Estado é de 406,3 euros.

As listas de agarda e a tardanza na resolución dos expedientes da dependencia son consecuencia desta política de recortes. Segundo a información fornecida polo Observatorio Estatal para a Dependencia no mes de abril, na Galiza existen 8.728 casos pendentes de resolución e 410 expedientes á espera de valoración, cun tempo medio de agarda de 342 días. Nesta cuestión apréciase unha importante fenda coa media estatal, destacando a Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais que a “porcentaxe de persoas beneficiarias do sistema de atención á dependencia sobre o total da poboación potencialmente dependente” é de 8% fronte a 9,7% do conxunto do Estado.

O propio Goberno galego recoñeceu deficiencias no funcionamento deste servizo. Así, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo comprometeuse o pasado mes de maio a pór en marcha un Plan de choque en dependencia para axilizar o sistema, reducir os tempos de agarda nas valoracións e para crear novas vías preferentes para aquelas persoas que padezan patoloxías moi graves. A primeira desas propostas era reducir o formulario para solicitar a dependencia, un documento que supera actualmente as 26 páxinas e a pretensión é reducilo a menos da metade.

As críticas da asociación non se limitan ao funcionamento da dependencia. O anterior relatorio repara en que a “dotación de profesionais nas súas estruturas básicas de servizos sociais é de un por cada 2.458 habitantes na Galiza, sendo a media estatal de un por cada 1.875 habitantes”. Outro tanto, acontece coas Rendas Mínimas de Inserción (RMI), en relación ás cales o relatorio destaca que “o 6,9% da poboación baixo o limiar da pobreza na Galiza benefíciase das súas RMI, un punto menos que a media estatal (7,9%)”.

Teleasistencia

A cobertura do servizo de axuda no fogar e dos programas de teleasistencia ofrecen tamén uns indicadores negativos. A este respecto, o relatorio dos profesionais dos servizos sociais sinalan que o índice de cobertura de axuda no fogar para persoas maiores de 65 anos é de 3,3% fronte ao 4,9% na media estatal.