Galiza á cola do Estado en cobertura de matronas

Matronas nunha hospital. (Foto:Europa Press)
Galiza sitúase á cola do Estado en número de matronas. Mentres no conxunto estatal a porcentaxe de profesionais é de 18 por cada 100.000 mulleres , na Galiza cífrase en 12 por cada 100.000 mulleres

Os últimos dados sobre as ratios de matronas proceden do sindicato SATSE. Así, nun documento referido a 2019, sinala que Galiza ocupa o último lugar do Estado, con 12 profesionais por cada 100.000 mulleres, acompañada nos postos de cola por Castela-A Mancha, con 12 por cada 100.000, Asturias, con 13 por cada 100.000, e Aragón e A Rioxa, con 16 por cada 100.000. Na mesma liña, a Galiza fica a seis puntos da media estatal e moi lonxe das cifras presentadas por Cantabria, con 29 por cada 100.000 e Euskadi e Nafarroa, con 24 por cada 100.000.

As cifras de 2019 non son conxunturais e responden a unha tendencia que se mantén ao longo da última década. Sen ir máis lonxe, á volta de 2014, o informe elaborado pola Federación de Asociaciones de Matronas de España confirma a Galiza á cola do Estado no número de profesionais, con 14,10 por cada 100.000 mulleres, moi próxima a Madrid, con 14,69 por cada 100.000 e a 10 puntos da media estatal. Ao tempo, o documento, elaborado polas entidades representativas do colectivo, sitúa nos  postos de cabeza a Baleares, con 36,49 por cada 100.000, Catalunya, con 31,61 por cada 100.000  e Valencia, con 30,93 por cada 100.000 .

A fenda entre a cifra de matronas da Galiza e dos Estados da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) non deixa de medrar. Mentres en 2019, a media dos países da OCDE  é de 69 matronas por cada 100.000 mulleres, na Galiza sitúase en 12 por cada 100.000. Outro tanto acontece en 2014, cando Galiza rexistra 14,10 especialistas por cada 100.000 mulleres e no espazo da OCDE certifícase 69,8 por cada 100.000. Na mesma liña, as diverxencias son tamén moi importantes con aqueles Estados da Unión Europea cuns sistemas de saúde máis desenvolvidos, marcándose nese anualidade unha distancia con Francia de 46 puntos ou de 35 con Alemaña.

Atención Primaria

As previsións de cara o futuro non son mellores. Segundo sinalan desde a Asociación Galega de Matronas, 85 das 152 matronas actualmente en exercicio de Atención Primaria van estar xubiladas nos próximos cinco anos, concentrándose o groso das baixas nas áreas sanitarias da Coruña, con 45, e de Pontevedra, con 27. Neste sentido, desde o colectivo consideran “urxente ofertar máis prazas de matrona e ofertar contratacións estábeis” e alertan da fuga de profesionais cara outros territorios. Ao tempo, entenden “preciso avaliar de novo as ratios matrona-muller que existen na Galiza e aumentar o número de matronas en Atención Primaria para que se poidan

A falla de matronas é especialmente acusado en Atención Primaria. A Asociación Galega de Matronas sinala que a área sanitaria de Santiago de Compostela conta con 33 profesionais, unha matrona por cada 6.702 mulleres entre 15 e 69 anos , sendo os concellos con máis sobrecarga de traballo Ames, Ordes e Santiago de Compostela. Os centros de saúde da área sanitaria da Coruña-Cee dispoñen de 28 matronas, unha por cada 9.582 mulleres, significándose o déficit de Arteixo, onde unha especialista atende 16.064 mulleres en idade fértil. A rede de matronas na área sanitaria de Ferrol suma 13 profesionais, fixándose unha rateo de 7.621 mulleres por matrona.

A situación repítese na Atención Primaria das áreas sanitarias de Lugo e Ourense. Así, na primeira, a ratio é de 11.273 mulleres por matrona, destacando a escasa dotación da comarca da Mariña e da cidade de Lugo. Pola súa banda, en Ourense dispóñense de 10 matronas, carecendo deste servizo localidades de moita poboación como Verín ou O Barco, onde a atención é prestado directamente desde os hospitais. Neste sentido, a Asociación Galega de Matronas denuncian a amortización de prazas, como ten acontecido no Pereiro de Aguiar cunha poboación de máis de 3.000 mulleres.

Os dados das áreas sanitarias de Pontevedra e Vigo son semellantes aos do resto da Galiza. A Atención Primaria da área pontevedresa conta con 23 matronas, unha por cada 6.883 mulleres en idade fértil. Porén, as ratios son máis elevados na área de Vigo con 26 profesionais para atender a 202.192 mulleres entre 15 e 69 anos. A este respecto, desde a entidade que agrupa ás matronas galegas reclaman a creación de 33 matronas máis.