41 persoas ingresadas na UCI

Galiza certifica 64.973 casos activos de Covid

Un sanitario amosa unha vacina de Janssen. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

Os contaxios dan un respiro nas últimas 24 horas mentres se agarda polos efectos da variante “silenciosa” de Ómicron. Segundo os dados ofrecidos pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade, o número de doentes suma 64.973 persoas en todo o país.

O número de positivos por coronavirus diminúe en relación a onte. Se na pasada xornada os infectados acadaban 67.461  persoas, cun descenso de 958 nas últimas 24 horas, o seu número ten minguado en 2.010 entre os dados do sábado e do domingo.

A presión hospitalaria aumenta. Así, as autoridades sanitarias confirman 4 doentes ingresados nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) da rede hospitalaria galega, un máis que onte, e 617 internados nas diferentes unidades de hospitalización das sete áreas sanitarias, representando 22 positivos máis que na xornada anterior.

Vigo lidera os casos activos

A área sanitaria de Vigo sitúase á cabeza dos casos activos con 17.174 doentes, colocándose a continuación a área sanitaria de da Coruña-Cee con 14.365 e seguíndoa a área sanitaria de Santiago-A Barbanza con 10. 428.

Os postos de cola están ocupados pola área sanitaria de Ferrol con 3.067 casos activos, a área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras con 6.582, á area sanitaria de Lugo, A Mariña, Monforte con 6.961 e a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés con 7.324.

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da  Xunta da Galiza aconsellan á poboación adoptar as medidas de protección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

A Xunta chama a manter a vixilancia

As autoridades sanitarias chaman a extremar a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano, preferentemente desbotábel. Neste sentido recomendan evitar  tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans

A Consellaría de Sanidade considera importante “procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións” e chama a manter “a distancia de seguridade e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello”.