Galiza, entre as catro comunidades cuns servizos sociais máis "febles"

Un ancián camiña por unha aldea dos Ancares. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O seu investimento é inferior á media estatal.

A Galiza sitúase, canda Castela-A Mancha, Illes Balears e o País Valencià, como as comunidades que contan cuns servizos sociais "febles", segundo o Índice DEC, elaborado pola Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais. Segundo este último informe, presentado esta segunda feira, a Galiza ocupa o posto número 13 na clasificación das comunidades no desenvolvemento do seu Sistema Público de Servizos Sociais.

Os tres indicadores de relevancia económica do sistema melloran na Galiza en 2023 respecto ao ano anterior, segundo o estudo. En concreto, as administracións públicas da Galiza —Xunta, deputacións e concellos—incrementaron en 15,3% o seu investimento en servizos sociais, pasando de 465,1 euros por habitante a 536,3.

Con todo, segue por baixo da media estatal, que foi de 548,1 euros. Ademais, Galiza destaca por riba da media nos centros de día para persoas maiores, cunha cobertura de 2,57% sobre persoas maiores de 75 anos, fronte a 2,22% da media estatal.

Por baixo da media

Aínda así, no resto de prestacións ou servizos Galiza atópase por baixo da media estatal, por exemplo na dotación de profesionais da súa rede básica de servizos sociais, cun profesional por cada 2.064 habitantes, sendo a media estatal de un por cada 1.572 habitantes.

Ou tamén no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas maiores, cunha cobertura de 8,58% sobre maiores de 75 anos, sendo de 11,51% a media estatal. Ou, entre outras, nas prazas residenciais para persoas maiores, con 4,67% de cobertura sobre maiores de 75 anos, fronte a 5,89% de media estatal.