A Galiza carece dun organismo propio para investigar os sinistros marítimos

A Galiza ten 1.720 km de costa, unha frota pesqueira de máis de 4.200 embarcacións, 128 portos e perto de 20.000 traballadores e traballadoras no sector do mar. Mais non ten un órgano propio para a investigación de sinistros marítimos e as competencias en Salvamento Marítimo seguen en mans do Goberno español.

A traxedia do Vila de Pitanxo vai ser investigada pola Comisión de investigación de accidentes e incidentes marítimos (CIAM), adscrita ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Xa acordou a apertura da investigación e designou un equipo de investigadores. Este organismo, creado en 2008 ten recibido máis de 2.500 notificacións de accidentes marítimos e publicou 400 informes das investigacións, moitas delas sobre sinistros de buques galegos en augas galegas, xa que a Galiza non ten un órgano propio neste eido malia ter as competencias en rías e augas interiores.

A propia Xunta de Alberto Núñez Feixoo desbotou no seu día que a Galiza tivese un organismo con esta finalidade argumentando que xa existía o do Goberno español e mesmo que cabía a posibilidade de que se nomeen para el membros das comunidades, se ben esta actuación corresponde ao Executivo estatal. 

Voces como a de Xabier Aboi, da CIG-Mar, entenden que un país mariñeiro como a Galiza debería contar cun órgano de seu para estes cometidos e apunta a Nós Diario , a respecto do existente a nivel estatal, que "debería funcionar ben, con claridade e sabendo o que é a pesca na Galiza".

O pasado mes de abril, o Colexio de Oficiais da Mariña Mercante (Comme) presentou un recurso de reposición contra a decisión do Ministerio de nomear como membros da CIAM persoas que dependían laboralmente "dunha navieira que, ademais, protagonizou varios sinistros que foron obxecto de investigación por accidentes".

O presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, considera en conversa con este medio que é bo maior "proximidade" na investigación aos sinistros no mar na Galiza mais lamenta que "desde os despachos" —e estean onde estean estes despachos, acrecenta— "non sempre se entende que como é o mar e a pesca".

"En augas galegas"

Se a consulta sobre a necesidade dun órgano propio para investigar accidentes marítimos se fai a pé de peirao, voces como a do mariñeiro José Martínez, que pasou pola pesca no sur de África, a mercante e agora está enrolado na baixura, entende que "sería o propio para os naufraxios ou sinistros que pasen nas augas galegas".

O debate chega tamén a Salvamento Marítimo, unha materia que segue a ser competencia do Goberno español. No artigo 29 do estatuto de autonomía figura como unha das materias á que lle corresponde a execución da lexislación á comunidade. Os votos en contra do PP no Parlamento galego impediron até en tres ocasións (2010, 2014 e 2019) que se pedise a transferencia desta competencia a Galiza. Para Aboi é "inxustificábel" e "non ten sentido" que non estea transferida". "Na Galiza hai medios de salvamento da Xunta e hainos do Estado, deberían estar todos baixo o mesmo goberno, aquí", afirma.