Galiza, camiño dos 20.000 casos e o milleiro de ingresados pola Covid

Do total de persoas afectadas pola Covid-19 curáronse 65.375 ─713 nas últimas 24 horas─ (Carlos Castro / Europa Press)

Nas últimas 24 horas rexistráronse case 1.900 contaxios e 35 hospitalizados máis coa positividade superando o 12%, sete puntos máis do que estabelece a OMS para dar por controlada a pandemia.

Galiza suma este sábado, 23 de xaneiro, case 1.900 contaxios detectados e 35 hospitalizados máis nunha nova xornada de máximos desde o inicio da crise sanitaria en que a taxa de positividade das probas PCR practicadas volveu estar por encima de 12%, sete puntos máis do que estabelece a OMS para dar por controlada a pandemia.

Así figura na actualización dos datos da pandemia en Galiza que diariamente colga na súa páxina web a Consellaría de Sanidade con información recollida até as 18 horas do día previo (neste caso, a sexta feira, 22 de xaneiro).

Até ese momento, Galiza detectara nas 24 horas anteriores (por calquera tipo de proba diagnóstica) un total de 1.888 contaxios de Covid-19, 86 máis que o día anterior. Deles, 1.515 foron casos confirmados por positivo nas 12.332 probas PCR practicadas durante a xornada.

Tanto o número de contaxios totais detectados como os positivos en PCR supoñen novos teitos da pandemia, que Galiza foi elevando cada día desde practicamente a fin das festas do Nadal. As cifras deste sábado tamén supoñen novo récord de casos activos, que chegan xa a 18.286 tras sumarse ao cómputo 1.161 en só unha xornada.

Así, Galiza continúa en camiño de alcanzar os 20.000 casos activos de se manter a tendencia dos últimos días, en que se produciron incrementos diarios de en torno ao milleiro. Tamén segue en rumbo de pasar o limiar dos 1.000 hospitalizados, pois os datos deste sábado reflicten unha nova suba que deixa o total de pacientes Covid-19 en Galiza nos 967, 142 deles na UCI.

Isto supón que o número de ingresados subiu en 35 en 24 horas, mentres que hai cinco pacientes máis que precisan coidados intensivos dos que había o día anterior. Con isto, a ocupación en UCI dobrouse a respecto das cifras da segunda feira, 11 de xaneiro.

Áreas

Por áreas, unicamente mellora a presión hospitalaria en Santiago-Barbanza, que experimenta un descenso de nove pacientes ingresados até os 133, 27 deles na UCI (-1). No resto sobe o total de hospitalizados salvo en Pontevedra, onde o cómputo de pacientes mantense en 97 cunha leve diminución nas unidades de críticos, que pasan a estar ocupadas por 13 (-1) persoas.

Salienta o incremento que rexistra A Coruña-Cee, a área con máis ingresados de Galiza con 264 (+14), 38 en UCI (sen cambios). Tamén experimenta unha subida de dous díxitos Vigo, onde se elevan a 148 os hospitalizados (+11), dos cales hai 22 en críticos (+1).

O distrito sanitario de Ourense-Verín-O Barco presenta a mesma variación con once ingresados máis até os 141 e os pacientes UCI soben a 12 (+12). Tras esta vén Ferrol, onde hai 132 ingresados con Covid-19 (+1), dos cales 19 necesitan coidados intensivos (+3).

Para rematar, mantense como zona con menos hospitalizados a área de Lugo-A Mariña-Monforte aínda que os ingresados soben a 52 (+6), 11 deles en UCI (+1).

Récord de contaxios e positivos PCR

Así as cousas, Galiza continúa elevando cada día desde hai unha semana as súas cifras máximas da pandemia en canto a contaxios detectados en 24 horas e casos activos totais.

O teito fica fixado nos 1.888 contaxios detectados (por calquera tipo de proba) que notifica Sanidade este sábado, 86 máis que o día anterior. Deles, 1.515 foron positivos por proba PCR (+10) nunha xornada en que se fixeron 12.332 tests (1.309.379 desde marzo), o que supón unha taxa de positividade de 12,5%, de novo en niveis máximos da crise sanitaria.

Así, Galiza continúa sete puntos por encima do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia e do que non se baixa no país desde o 24 de decembro. De feito, só Pontevedra (8,5%) e Ourense (8,8%) baixan de 10% de PCR positivas no último día, en que Vigo, Ferrol e A Coruña superaron o 15%. Esta última área santiaria achega un cuarto dos contaxios detectados.

Pasamentos

En Galiza contaxiáronse de coronavirus 85.251 persoas desde o principio da pandemia. A área da Coruña-Cee foi a máis afectada, cun total de 19.330 diagnosticados, seguida de Vigo (16.593), Santiago-Barbanza (14.018), Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras (11.706), Lugo-A Mariña-Monforte (9.059), Pontevedra-O Salnés (8.844) e Ferrol (5.701).

Do total de persoas afectadas pola Covid-19 curáronse 65.375 ─713 nas últimas 24 horas─, mentres que a cifra de falecidos alcanza xa os 1.599, despois de Sanidade notificar 15 falecementos nas últimas horas.