Ciencia e investigación

A Galiza perde peso en innovación: do posto 136 ao 155 do ranking da UE en tres anos

A Galiza mantén un investimento en innovación por baixo da media estatal e europea. (Foto: M. Arrazola)
A Galiza pasou de ocupar o posto 136 entre as rexións europeas en canto a innovación a, en tres anos, caer 19 postos nesa clasificación, até a posición 155 entre os 234 territorios da UE. Unha forte caída que se produciu en paralelo ao ascenso do Norte de Portugal neste indicador no mesmo período: ascendeu 93 postos.

A Galiza ten un problema en innovación, un vector chave para o desenvolvemento e avance económico a longo prazo. Os datos, quer do Regional Innovation Scoreboard (Índice de Innovación Rexional) da Unión Europea, quer do último informe do Consello Económico e Social, quer do Informe Socioeconómico do Eixo Atlántico, por citar tres estudos publicados nestes meses, indican que a Galiza fica relegada en canto a innovación en comparación coas outras rexións europeas.

O recente estudo da UE indica que se ben en 2019 o país ocupaba o posto 136 en innovación entre 234 rexións europeas, en 2022 estaba de 155. Un descenso de 19 postos en apenas tres anos. Pola contra, e nese mesmo período comprendido entre os anos 2019 e 2022, o Norte de Portugal avanzaba de maneira considerábel. Pasaba de estar no posto 175 en innovación en 2019 —case 40 posicións por detrás da Galiza— a estar agora de 82 —73 por diante—. 

O Regional Innovation Scoreboard é un estudo no que se analiza a capacidade e realidade innovadora das rexións da UE e que clasifica as mesmas en base a 17 indicadores: desde o emprego ligado a I+D até o número de patentes rexistradas ou de persoas con doutorado, pasando pola análise do tecido empresarial ou mercado laboral, a sanidade e tamén a educación. A Galiza ten 87,9 puntos, correspondendo o valor 100 ao conxunto da UE, o que supón atoparse a 12 puntos da media europea.

A perda de capacidade competitiva do país non se circunscribe á Innovación. En Educación Básica a Galiza pasou de estar no posto 139 nas rexións europeas en 2019 a caer 10 posicións, até a 149, en 202.

María Cadaval, profesora de Economía Aplicada na USC, sinalaba a Nós Diario que "Portugal —no norte singularmente— deunos unha lección espectacular na última década, en desenvolvemento económico ligado ao tecnolóxico e cunha adaptación da educación sen parangón. Eses factores explican o desenvolvemento económico que tiveron neste tempo".

Perda de peso

O gasto interno en actividades de investigación e desenvolvemento na Galiza rexistrou un incremento anual de 8,7%, sete décimas inferior á taxa de variación interanual no conxunto do Estado (9,4%). Ademais, o esforzo investidor, medido como a relación entre o gasto nestas actividades e o PIB, ascende até 1,10% do PIB galego, manténdose non só moi por baixo da media europea (2,26%) e estatal (1,30%) senón tamén do obxectivo de 1,3% fixado para o ano 2025 (2% para 2030) no Plan Estratéxico de Galiza 2022-2030.

Tamén na tradución en emprego e postos de traballo do que supón a innovación a Galiza está en postos relegados. A análise do volume de persoas empregadas en innovación e desenvolvemento (I+D) realízase a través do persoal empregado en actividades de I+D en equivalencia a xornada completa, entendido como a suma do persoal que traballa en réxime de xornada completa máis a equivalencia a dita dedicación do persoal que traballa en réxime de xornada parcial.

Galiza conta con 11.435 empregados nestas actividades, o que supón 6,1% máis que no ano anterio, fronte ao incremento de 7,7% rexistrado de media no Estado.  En termos relativos, a Galiza conta con 9,3 persoas en equivalencia a xornada completa por cada mil activos, lonxe aínda da media estatal que é de 10,8 persoas por cada mil activos.

Sen "obxectivos estratéxicos"

A profesora de Economía da Universidade de Santiago de Compostela Carmela Sánchez reflexionaba para Nós Diario sobre esta cuestión. Os informes periódicos da Unión Europea amosan "a tendencia decrecente [da Galiza] nos últimos anos, o que contrasta co salto dado pola rexión Norte de Portugal. As políticas activas aplicadas en Portugal, país centralizado, para fortalecer a industria e a innovación, parecen contribuír a ese resultado.

Porén, o alto nivel de competencias autonómicas en materia de innovación da Galiza, non vai acompañado dun maior dinamismo innovador. Polo tanto, o tipo de políticas que se deseñan e executan resulta relevante. A política de innovación en Galiza careceu de obxectivos estratéxicos, dispersando os limitados recursos entre múltiples beneficiarios".

Así, a Galiza presenta unha peor posición relativa que o norte de Portugal en índice de competitividade (ICR), o que contrasta co acontecido entre 2016 e 2019. Asemade, as dúas rexións presentan unha evolución dispar entre 2016 e 2022 tendo en conta que mentres que a Galiza retrocede seis posicións en ICR entre eses anos, a rexión norte de Portugal pasa dende o posto 164 até o 135 nese mesmo período.

As eivas en Innovación, sinalan os expertos, explican en parte esa perda acentuada de competitividade. Na Galiza o investimento neste campo sitúase 30% por baixo da media estatal.


37% menos de investimento para proxectos de I+D

O Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) é a axencia xestora de recursos crediticios destinados ao financiamento de proxectos de desenvolvemento tecnolóxico e innovación entre empresas. Ao longo do ano 2022 reduciuse tanto o número de proxectos empresariais aprobados como o orzamento comprometido. Dunha parte, o número de proxectos de I+D aprobados na Galiza descende a 65 (34 proxectos menos que no ano anterior) e os fondos comprometidos alcanzan os 29,5 millóns de euros fronte aos 46,1 millóns do ano anterior.

O investimento total destes proxectos aprobados na Galiza ascende até os 39,2 millóns de euros, o que significa 37,5% menos que no ano anterior. Tanto a Galiza como o Estado presentan unha caída significativa do número de proxectos e do seu financiamento, sendo esta redución máis acusada na Galiza. Dunha parte, o número de proxectos aprobados descende no país 34,3% respecto ao ano anterior cando no conxunto do Estado esta caída foi de 8,4% (162 menos). Doutra parte, o financiamento directo do CDTI redúcese na Galiza 35,8%, máis de dúas veces e media superior ao rexistrado no Estado español (13,1%).