Galiza, cada vez menos poboada e máis envellecida

O saldo vexetativo negativo agudízase en 2015 e as proxeccións demográficas debuxan un pobo cada vez máis lonxevo.

Na Galiza morren máis persoas das que nacen desde 1986. Porén, nos últimos anos a fenda entre nacementos e defuncións non fixo senón aumentar. Neste senso, os dados publicados polo IGE sinalan que entre 2014 e 2015 a diferenza situouse en 1.758 persoas. Así pois, o pasado ano faleceron 31.403 persoas e apenas naceron 19.346. 

Desde o Instituto Galego de Estatística pronostican que o futuro demográfico do país --a oito anos vista-- manterá esta tendencia que mesmo se podería ver acuciada. Así, os seus estudos prevén unha perda poboacional do 4,9% sendo as provincias de Lugo e Ourense as máis prexudicadas, cun 7,3% e 9,6% menos de xente, respectivamente, en 2024. 

Aliás, cifran o avellentamento poboacional en 182%. Isto é, por cada 100 persoas menores de 20 anos na Galiza haberá 182 maiores de 64. De novo o interior será onde este avellentamento se fará máis notábel. De acordo co IGE, "as áreas máis envellecidas serán as situadas na marxe oriental da provincia de Lugo e central da provincia de Ourense. Así, nas comarcas situadas na zona de Os Ancares, A Fonsagrada e Sarria a relación entre menores de 20 e maiores de 64 atoparase moi preto do valor 400 (382 maiores por cada 100 menores). O mesmo acontecerá na zona sur da provincia de Ourense (comarcas da Baixa Limia, A Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana), onde o índice de envellecemento proxectado para 2024 situarase en 405,7". 

"O principal reto" é desacelerar o avellentamento poboacional, di Puga

Este feito incrementa o índice de dependencia global segundo os dados publicados polo IGE. É dicir, o conxunto de poboación economicamente dependente --quer menor de 15 anos, quer maior de 64. Segundo as súas prospeccións en 2014. En relación con aquela potencialmente activa --en idade de traballar-- agárdase que "por cada 100 persoas en idade de traballar residirán en Galicia 61,3 persoas potencialmente inactivas", unha cifra 6,2 puntos superior á de 2014. 

Cambio de réxime, repensar o modelo

Que consecuencias carrexa esta tendencia demográfica. No semanario nº191 afondamos da man da demógrafa do CSIC, Dolores Puga, as súas repercusións. De antemán, a investigadora lanzaba unha advertencia, "o cambio de réxime demográfico non vai volver atrás" polo que a poboación residente na Galiza non volverá medrar se non é "pola vía da inmigración". 

Segundo Puga as estatísticas reflicten que Galiza se atopa nun "proceso de transición demográfica" cara á "sociedades máis lonxevas". Ora ben, de maneira acelerada por mor do éxodo masivo da poboación nova. E é que entre 2009 e 2015 Galiza perdeu máis de 142 mil persoas entre 16 e 35 anos. Neste senso, a demógrafa asegura que "o principal reto" é desacelerar o avellentamento poboacional, unha cuestión que pasa, di, por nos preocupar "polas condicións de vida". Así, antepón "vivenda" e "traballo" ademais de medidas que promovan a "conciliación" a calquera outra cuestión encamiñada ao incremento da natalidade. 

Para alén disto, Dolores Puga entende que o novo contexto demográfico reverterá, como xa o está a facer, no modelo de ocupación territorioal galego. Actualmente, perto do 70% da poboación ocupa o 6% do territorio --fundamentalmente nas cidades e comarcas do eixo atlántico. Con Lugo e Ourense despoboándose e ficando nelas poboación altamente envellecida, cómpre, afirma, "adaptar os servizos", algo "que non se fixo até o de agora". "Temos un mapa de áreas metropolitanas que concentran os servizos" por ser onde se localiza a maior parte da poboación mais "non onde máis se precisan".