Galiza, á cabeza en accidentes do transporte escolar

Identificador dun autobús que fai un itinerario escolar. (Foto: Europa Press)

Un estudo indica que o país está por diante de todos os territorios do Estado español. Andalucía é o segundo lugar peor parado, aínda que a bastante distancia segundo o nivel de sinistros contabilizado.


 

O país está por diante de calquera das nazóns e autonomías do Estado español no que a accidentes de tráfico dos autobuses escolares se refire. Así o aseguran a Fundación Línea Directa e a Fundación Española para a Seguridade Viaria.

No estudo Transporte escolar: viaxan seguros os nosos fillos? Accidentalidade, normativa e percepción social na era Covid indícase que nos últimos cinco anos contabilizáronse 136 accidentes do transporte escolar.

Se ben non houbo que lamentar falecementos e só cinco persoas sufriron feridas graves, o 21% de todos eses incidentes tivo lugar na Galiza. Con esa porcentaxe, é o territorio peor parado.

O segundo e terceiro posto nesta listaxe de sinistros son para Andalucía e a Comunidade Valenciana, co 16 e o 14% dos accidentes do total, respectivamente. Por contra, neste tempo só houbo un suceso como os descritos no País Vasco, na Rioxa e en Cantabria.

Segundo as expertas e expertos o incidente tipo ten lugar nunha vía interubana (o 58% dos 136) e trátase dunha colisión frontolateral (20%). Hai máis accidentes no traxecto de regreso ás casas.

As investigadoras apuntan ás distraccións, non respectar a prioridade ou levar unha velocidade demasiado elevada como principais causas dos sinistros con autocares que fan itinerarios desde os centros educativos implicados. No entanto, as autoras defenden a seguridade de viaxar en autocar en comparanza con outros medios, malia que as veces se den situacións imprevistas coas crianzas.

Por outra banda, no texto tamén se indica que máis do 60% das nais e pais non queren que os seus fillos empreguen o transporte colectivo para ir ao colexio por medo ao contaxio do coronavirus.