As novas medidas entrarán en vigor na madrugada da terza á cuarta feira

Galiza bota o feche durante tres semanas agás para o esencial

Os estabelecementos hostaleiros poderán seguir ofrecendo os servizos de recollida no local e entrega a domicilio (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
Toda a Galiza pasa ao nivel máximo de restricións: fechamento individual dos concellos, limitación das reunións a persoas conviventes e suspensión das actividades non esenciais.

As persoas expertas levaban tempo advertíndoo: a situación da pandemia na Galiza é crítica e cómpre adoptar medidas drásticas para deter o aumento dos contaxios e, sobre todo, aliviar a presión hospitalaria, que esta segunda feira superou o pico máximo de ingresos rexistrado en abril de 2020. "Galiza segue mellor que a media de España, mais aínda así é un aumento inasumíbel que nos obriga a pedir á cidadanía un novo esforzo, que lamentabelmente non será o derradeiro", salientou a segunda feira en rolda de prensa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

Ese esforzo tradúcese nun paquete de medidas que se aplicará en todos os concellos do país sen distinción, polo menos durante tres semanas: desde a madrugada da terza á cuarta feira até as 00 horas do 17 de febreiro. "Este é o tempo mínimo que precisamos para baleirar os centros sanitarios", apuntou, sen esquecer que as vindeiras datas serán "moi duras, posibelmente moito máis que os peores días que vivimos até o de agora", alertou o mandatario galego.

As medidas serán publicadas no Diario Oficial da Galiza (DOG) esta terza feira e foron propostas na reunión que o comité clínico que asesora o Goberno galego en material da Covid-19 mantivo na mañá da segunda.

Feche perimetral e mobilidade restrinxida

Dado que Galiza no seu conxunto pasa ao nivel máximo de restricións, todos os concellos veranse afectados polo fechamento individual, isto é, non se poderá entrar ou saír de ningún municipio agás por causas xustificadas: desprazamento por motivos laborais, educativos, sanitarios ou atención a persoas maiores, menores ou dependentes.

O toque de recoller mantense ás 22 horas pola negativa do Goberno estatal a atender "un clamor na inmensa maioría dos territorios do Estado, para poder adaptarse á situación epidemiolóxica de cada un deles", acusou o presidente. Con todo, instou unha vez máis a poboación a un "autoconfinamento" como medida "máis eficaz" para frear a expansión do virus.

A Xunta insta ao teletraballo "sempre que for posíbel"

Así mesmo, Feixoo pediu a colaboración do sector empresarial facilitando o teletraballo "sempre que for posíbel", para o que demandou un "consenso estatal" que regule a interacción social na contorna laboral e impoña o traballo en remoto "nas empresas que xa o tiveron en marzo". A Administración pública, asegurou, fomentará esta práctica entre o seu persoal.

Limitacións na hostalaría e o comercio

O sector hostaleiro volve ser o máis prexudicado polo endurecemento das restricións. Todos os bares e restaurantes deberán fechar, tanto no interior como na terraza, mais poderán seguir ofrecendo os servizos de recollida no estabelecemento (até as 21.30 horas) e reparto a domicilio (até as 00 horas). Tamén continuarán funcionando os comedores escolares e de traballo. "Somos conscientes do enorme impacto económico e social que ten esta medida, aínda máis para quen ten que fechar o seu negocio, mais non hai alternativa; se coñecésemos unha medida mellor, tomariamola", expresou.

A hostalaría fecha en interiores e exteriores, o comercio non esencial abrirá até as 18 horas e o esencial até as 21.30

A respecto do comercio, cómpre diferenciar entre o que a Xunta cataloga como esencial (supermercados, farmacias, talleres mecánicos, gasolineiras...) e non esencial. No primeiro caso, abrirá até as 21.30 horas, mentres o segundo só poderá facelo até as 18 horas, cunha capacidade máxima, como vén sendo habitual, de 30%. Os centros comerciais fecharán obrigatoriamente as fins de semana, e seguirá sen estar permitido ficar nas zonas comúns. En calquera caso, o presidente instou a "prorrogar as compras non esenciais para máis alá do 17 de febreiro" para "diminuír a interacción social" tamén no comercio.

Reunións só entre conviventes

Por outra banda, en todo o territorio quedan prohibidas as reunións entre persoas non conviventes, quer na rúa quer nun domicilio. "O único lugar seguro é a unidade familiar coa que convivimos, polo que é preciso limitar ao máximo a nosa interacción social", xustificou Feixoo, que pediu "sentidiño e responsabilidade" a toda a cidadanía: "Podemos pensar que un pequeno incumprimento non fai dano, mais repercute enormemente nos contaxios", sentenciou.

Poderase pasear ao aire libre xunto a persoas da mesma unidade familiar mais nunca con non conviventes: "Isto pasa de ser unha recomendación a unha norma, e, de se incumprir, haberá consecuencias", advertiu o presidente, que aproveitou para demandar ás autoridades policiais que "contribúan a velar polo cumprimento das restricións".

Non se permitirá ningún tipo de reunión entre persoas non conviventes

As visitas aos hospitais estarán prohibidas durante este período, excepto no caso de persoas dependentes. Así mesmo, emprazou as e os maiores galegos e a quen coidan deles un "esforzo especial" mentres duren as restricións: "Seguen a ser o colectivo máis vulnerábel, polo que deben tentar autoconfinarse até que sexan vacinados, reducir os paseos o máximo posíbel e que outras persoas lles fagan a compra", matizou.

Neste senso, lembrou que os anciáns seguen a ser a "prioridade número un" na campaña de vacinación, e lamentou a "escaseza" de doses: "Temos capacidade para inocular 100.000 vacinas diarias, e as 18.000 que recibimos de media cada semana poderiamos administralas en catro horas", expuxo.

Deporte, cultura e lecer

Sanidade xa avanzara a pasada semana que se estaban a estudar novas medidas para regular a práctica deportiva, e esas restricións suporán a partir desta madrugada o fechamento de ximnasios, pavillóns, piscinas e outros recintos cubertos. Só se poderá facer deporte ao aire libre, de modo individual, dentro dos límites do concello e sempre coa máscara posta, "aínda que esteamos correndo sós na rúa", informou Feixoo.

Só se permite o deporte individual, con máscara e ao aire libre

As competicións federadas a nivel galego seguirán suspendidas até novo aviso, tanto os partidos como os adestramentos, e as e os deportistas só poderán exercitarse individualmente e cumprindo a normativa vixente. Quedan exentos os clubs e atletas da Galiza que compiten a nivel estatal ou internacional, mais desde agora non se permitirá a entrada de público aos recintos.

Tamén se prohíben durante estas tres semanas os espectáculos artísticos e culturais e os centros que os acollen, isto é, deberán permanecer fechados todos os cinemas, teatros, museos, bibliotecas, centros socioculturais, clubs de xubilados e fogares da terceira idade (excepto centros de día e residencias).

Suspensión temporal do ensino universitario

A Xunta tamén decidiu suspender as aulas até o 8 de febreiro, e, desde entón até o día 17 (como mínimo), impartiranse as aulas de modo telemático. Porén, as queixas do alumnado a respecto dos exames presenciais non surtiron efecto, pois na tarde desta segunda feiraas tres universidades confirmaron que as probas do primeiro cuadrimestre do curso continuarán segundo o calendario previsto. En canto á volta á presencialidade das aulas, Feixoo informou que dependerá da evolución da pandemia.

Non sucederá o mesmo nos centros de ensino  de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato, que seguirán coas aulas presenciais sen novidades a pesar da elevada incidencia do virus neste eido: máis de 2.700 positivos, 135 aulas fechadas e cinco centros clausurados, segundo os últimos datos ofrecidos por Sanidade o sábado.

Os colexios e institutos non experimentan ningunha mudanza

"A alta afección nas aulas débese aos contaxios que se produciron durante o Nadal, e supón 0,54% do total de alumnos e persoal das escolas da Galiza", xustificou o presidente, que sentenciou este asunto asegurando que as aulas "seguen a ser totalmente seguras".

Segundo puido saber Nós Diario, tamén do 27 de xaneiro ao 17 de febreiro, a actividade lectiva nos conservatorios de música e nas escolas oficiais de idiomas pasará ao ensino non presencial. Así llo fixo saber o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na tarde da segunda feira aos citados centros.

Sen datos sobre a nova cepa do coronavirus

Preguntado pola presenza na Galiza das variantes do virus xurdidas no Reino Unido, en Suráfrica ou no Brasil, Feixoo puxo de manifesto que "estas mutacións facilitan unha maior propagación, e na Galiza estamos xeograficamente moi expostos porque temos Londres a unha hora e media en avión". Porén, non ofreceu dato concreto ningún a respecto das persoas afectadas por estas cepas.