Galiza bate en 2022 o récord de doazóns de órganos cun total de 128

Galiza consegue o mellor dato de doazóns de órganos desde 2019 (Foto: Europa Press).
Galiza superou en 2022 os 47 doantes de órganos por cada millón de habitantes, fronte aos 46 que supuxo a media estatal.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) rexistrou o pasado ano 2022 un total de 128 doazóns de órganos, o que supón a segunda cifra máis alta da historia tras a de 2019, ano anterior ao comezo da pandemia da Covid-19.

Este dato constata unha lixeira recuperación da contorna de 14% con respecto ás cifras dos dous primeiros anos da crise do coronavirus, que fixo decaer as doazóns, pois en 2020 houbo 110 e en 2021 un total de 112.

Con todo, a cifra do ano pasado aínda se sitúa por detrás de 2019, cando foron 136, oito máis que o ano pasado.

Son cifras ofrecidas esta quinta feira en rolda de prensa pola directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López, quen estivo acompañada do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, e a coordinadora galega de transplantes, Encarnación Bouzas.

Galiza superou en 2022 os 47 doantes de órganos por cada millón de habitantes, fronte aos 46 que supuxo a media española.

En todo o Estado, o ano pasado os doantes foron 2.196, cuarta cifra máis alta por detrás das de 2019, 2018 e 2017.

En canto aos transplantes efectuados nos dous hospitais galegos, situáronse en 296, dous menos que os 298 do ano 2021.

Tampouco se conseguiu por agora superar os 354 do exercicio de 2019, antes da pandemia.

Os máis practicados en 2022 foron os transplantes de ril, un total de 151 -11 máis que o ano anterior-. Séguenlles os de fígado, con 78; pulmón, con 38; corazón, con 26; e páncreas, tres.

"Galiza está por encima de media nacional en todos grupos, menos no transplante de ril", dixo a directora de ADOS.

Os pacientes en espera dun transplante situáronse en 253, o que supuxo un incremento de nove con respecto ao 2021. Con todo, é o segundo menor dato de, polo menos, a última década.

Por órganos, reducíronse en 2022 os pacientes en espera dun transplante de ril, até os 199, sete menos que o exercicio anterior.

Con todo, subiron os que estaban pendentes dun fígado a 28, dun corazón a 12 e dun pulmón a 10, mentres que en espera dun páncreas había catro, os mesmos de 2021.

9.217 transplantes de órganos practicados desde 1981

Con estes datos, tal e como destacou a responsábel de ADOS, Galiza alcanzou os 9.217 transplantes de órganos practicados desde 1981. "Son máis de 9.000 persoas que tiveron unha segunda oportunidade", subliñou López, para agradecer tamén aos equipos profesionais que o fixeron posíbel.

A idade media dos doantes foi 60,8 anos, tendo en conta que "menos de 2%" foron mozos menores de 30. A principal causa da morte dos mesmos foron accidentes cerebrovasculares (62%), seguido da encefalopatía anóxica (21%). Os traumatismos cranioencefálicos por sinistros que non foron de tráfico supuxeron 8%, e os de tráfico 3%. Os 6% restantes faleceron por outras causas.