A Galiza baixa dos 30.000 casos activos pola Covid

A área sanitaria da Coruña rexistra un descenso dos contaxios (Foto: M. Dylan / Europa Press).
Os contaxios quedan por segundo día por baixo dos 2.000, mais medra a presión asistencial, con seis persoas ingresadas máis nos hospitais galegos.

Os casos activos de covid-19 descenden na Galiza por baixo dos 30.000, até os 28.539, tras rexistrar 2.112 infeccións menos nas últimas 24 horas. Tamén baixan os contaxios, que se manteñen por segundo día consecutivo por baixo dos 2.000 (1.461 máis que na xornada anterior). Con todo, a carga asistencial increméntase lixeiramente este domingo, con seis ingresados máis nos hospitais galegos. A taxa de positividade, pola súa banda, descende até 13,23%.

Segundo os datos actualizados este domingo polo Sergas ─solicitados ata as 18,00 horas do sábado─ , no país ha 575 persoas hospitalizadas con coronavirus, 543 en unidades convencionais (sete máis) e 32 en UCI (un menos).

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe en catro, baixa en dúas e mantense na de Santiago. Aquí, aínda que baixan as persoas hospitalizadas en planta até as 82 (un menos), soben en UCI até as sete (un máis).

Rexistran descensos as áreas de Ourense, con 75 pacientes en unidades convencionais (seis menos) e sete en críticos (un menos); e na de Pontevedra, que se mantén con tres ingresados en UCI (sen cambios) pero ten a 80 hospitalizados en planta (catro menos).

Doutra banda, soben os hospitalizados nas áreas da Coruña, con 128 pacientes en unidades convencionais (seis máis) e oito en críticos (sen cambios); en Ferrol, con 38 ingresados en planta (tres máis) e un en coidados intensivos (sen cambios); en Lugo, que conta con 53 persoas hospitalizadas en planta (cinco máis) e unha en UCI (sen cambios); e en Vigo, con 87 pacientes en unidades convencionais (catro máis), aínda que cinco en críticos (unha menos).

Infeccións activas

No que respecta a as infeccións activas, tamén se rexistra unha baixada, concretamente de 2.112 casos, o que deixa en 28.539 os casos activos na Galiza, xa que se notificaron máis altas (3.573) que contaxios (1.461), ao que non se suma ningún falecemento nas últimas 24 horas.

Os casos activos baixan en todas áreas, liderando a relación o distrito sanitario de Vigo, con 577 infeccións menos; seguido da Coruña (-501); Santiago (-312); Pontevedra (-240); Lugo (-213); Ourense (-138) e Ferrol (-65).

Así as cousas, a área da Coruña continúa co maior número de infeccións activas, con 6.089 casos. A continuación, a de Vigo rexistra 5.855; Santiago, 5.052; Ourense, 3.321; Lugo, 3.210; Pontevedra, 3.152; e Ferrol, 1.544.

Os contaxios, á baixa

Este domingo os novos  contagios volven descender, igual que o fixeron as tres últimas xornadas, dúas delas por baixo da barreira dos 2.000, incluído este domingo. Así, a Galiza suma 1.461  contagios novos, 510 menos que o día anterior.

Segundo o último informe actualizado o venres 18 de febreiro polo Ministerio de Sanidade, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza descende de novo ata os 1.500,31 casos por 100.000 habitantes ─fronte aos 1.575,06 desta quinta feira─, mentres que a media estatal baixa a 919,48.

En canto ás persoas falecidas pola Covid-19 desde o inicio da pandemia mantéñense nos 3.074 en toda Galicia ao non notificar o Sergas este domingo ningún falecemento.