Galiza baixa dos 2,7 millóns de habitantes

Galiza perdeu en 2018 un total de 2.244 habitantes

Galiza perdeu ao longo de 2018 un total de 2.244 habitantes e baixa por primeira vez dos 2,7 millóns desde que hai rexistros, en 1996. Segundo os datos declarados oficiais do padrón municipal a 1 de xaneiro de 2019, publicados esta sexta feira no Boletín Oficial do Estado, Galiza conta con 2.699.499 habitantes.

Galiza é, con Asturias, Castela e León e Estremadura, unha das catro comunidades autónomas que perderon poboación en 2018. En cambio, no Estado español o número de habitantes ascende a 1 de xaneiro deste ano a 47.026.208 persoas, 0,6% por enriba do exercicio anterior.

Este retroceso na Galiza prodúcese pola baixada de poboación das comarcas do interior, xa que a fronte atlántica suma habitantes.

En termos absolutos, Castela e León foi a comunidade máis afectada pola perda de poboación, cun descenso de 9.616 habitantes, seguida de Asturias –con 5.444–, Estremadura –cunha caída de 5.153– e Galiza. Porcentualmente, a maior caída poboacional corresponde a Asturias con -0,53%, seguida de Estremadura (-0,48%); Castela e León (-0,40%) e Galiza (-0,08%).

A tendencia á baixa revértese, en 2018, no caso de Castela-A Mancha, Aragón e Cantabria, ao pasar de perder persoas empadroadas a rexistrar un incremento de 6.056 (+0,30%), 10.563 (+0,81%) e de 849 (+0,15%) habitantes respectivamente.

A comunidade de Madrid foi a que rexistrou un maior incremento da poboación con 85.315 persoas máis (+1,30%), que elevan a cifra total a 6.663.394 habitantes. Séguena Catalunya, con 75.152 habitantes máis, e o País Valencià, cun aumento de 40.066.

Porcentualmente, Baleares (+1,21%) Canarias (+1,21%), Murcia (+1,04%) e a Comunidade Foral de Navarra (+1,03%) rexistraron tamén aumentos significativos.