Galiza, a autonomía que menos inviste en dependencia

Euskadi sitúase en primeiro lugar e Galiza, no derradeiro.

A Asociación de Directores  e Xerentes de Servizos  Sociais volve suspender a Galiza pola súa xestión en materia de dependencia. Un ano máis, sitúase á cola do Estado español en investimento nesta prestación.

Galiza é a autonomía que menos inviste en dependencia. Segundo os datos que deu a coñecer na xornada de onte a Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, o conxunto dos Gobernos autonómicos destinaron en 2022 de media ao financiamento deste servizo 74% do seu custo total, porén a Xunta da Galiza só dedicou 65%. Así, o Goberno galego colocouse de fechacancelas nunha clasificación que liderou Euskadi, cunha achega de 86%, seguida de Nafarroa con 82% e País Valencià con 79%.

O gasto medio anual por persoa beneficiaria dunha axuda de dependencia situouse na Galiza, no pasado exercicio, en 6.955 euros. Os números do país só ficaron por riba de Castela e León, con 6.716 euros, e de Andalucía, con 6.547 euros, colocándose máis unha vez por baixo da media estatal, que marcou un investimento de 8.135 euros. Neste sentido, Euskadi con 13.390 euros, Estremadura, con 11.264 euros, e Nafarroa, con 11.174 euros, rexistraron os mellores datos, mantendo a tendencia das cifras da anualidade pasada.

A situación é aínda peor tomando como referencia o gasto por persoa potencialmente dependente. Este indicador analiza o investimento público previsto para o conxunto de persoas que reciben a prestación e para aquelas peticionarias da mesma incorporadas nas listas a falta de avaliar o seu estado.

Neste caso, a achega da Xunta da Galiza en 2022 foi de 615 euros, a máis baixa de todas as comunidades e moi lonxe da media estatal, situada en 1.181 euros. Máis unha vez, Euskadi, Estremadura e Nafarroa presentaron as mellores cifras.

O limitado investimento público do Goberno galego ten o seu impacto na calidade e na xestión dos servizos de dependencia. Así, por exemplo, o Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), organismo dependente do Ministerio de Dereitos Sociais, sinalou en xullo de 2023 que o tempo medio transcorrido desde a solicitude da axuda de dependencia até a resolución da prestación sitúase na Galiza en 370 días, superando en 44 días a media do Estado.

Os prazos legais

Os tempos de agarda na Galiza incumpren co disposto na lexislación de aplicación. A Lei de dependencia aprobada en 2006 recolle na súa disposición final primeira que "o prazo máximo, entre a data de entrada da solicitude e a de resolución de recoñecemento da prestación de dependencia será de seis meses, independentemente de que a Administración competente estabelecese un procedemento diferenciado para o recoñecemento da situación de dependencia e o de prestacións". Así pois, Galiza duplica ese período.

Ademais, o Observatorio Estatal para a Dependencia, impulsado pola Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais, sinala que na Galiza "das 1.010 persoas que abandonaron a lista de espera de resolución de prestación [en 2022], 35,35% fixérono como consecuencia do falecemento da persoa e non pola xestión da comunidade autónoma”.