Galiza arde, tamén en decembro

Lume en Figueiras, Compostela, en xullo [@incencios085]

Os lumes atinxiron máis de 300 hectáreas favorecidos polas altas temperaturas, o vento e a seca. 

 

Galiza arde. Mais desta volta tamén o fai en outono e inverso. E é que a piques de rematar o ano, segundo os dados oficiais fornecidos polo servizo de información da Xunta de Galiza (@incendios085) en decembro foron atinxidas máis de 300 hectáreas nun total de 7 lumes forestais rexistrados entre o 3 de decembro e o día 28. 

As altas temperaturas, que deixaron máximas de 23,8 graos en Ribadeo o 20 de decembro, a seca --segundo Meteogalicia o outono rematou cun 21% menos de precipitacións que a media rexistrada desde 1961, e fortes refachos de vento, xeraron o clima idóneo para que o mes de decembro fose considerado de risco incendiario. 

A inusual climatoloxía está a provocar a floración dalgunhas especies, propia dos meses de primavera

Así, a recta final do outono comezou cun lume na parroquia de Chaguazoso (Vilariño de Conso) que atinxiu 40 hectáreas. Poucos días despois en Chandrexa de Queixa arderon por volta de 20 ha. e en Xove outras 33 ha. 

En Ribeiras do Sor en Mañón (A Coruña) foron arredor de 20 ha mentres que en Carballeda de Valdeorras se producía o maior lume de todos os rexistrados que fixo arder máis de 150 hectáreas. 

Aliás, A Merca (Ourense) e Triacastela (Lugo) sumaron cadansúas 23 e 33 hectáreas máis. 

Os efectos dunha climatoloxía atípica, situada no cerne da propagación de incendios que poderían ser provocados, tamén está a se reflectir na flora. Algunhas especies, como a silveira, está a florecer embora ser o propio nos meses de primavera. 

Porén, neste mes os territorios de Asturies, Cantabria e Euskadi están a ser os máis prexudicados polos lumes forestais sendo que nalgúns casos rexistraron máis dun cento de focos en só unha xornada.