Galiza arde: Máis unha xornada de incendios no país

Veciño da aldea das Taboazas, no concello de Chandrexa de Queixa, que se viu afectada polas chamas orixinadas nesta cuarta feira (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
A Xunta activou a 'Situación 2' de alerta en varios municipios pola proximidade das chamas a núcleos poboacionais.

Esta época estival está a ser especialmente dura no relativo aos incendios forestais. A de onte supón máis unha xornada de fogos forestais que calcinan xa millares de hectáreas de terreo. No día de onte, os concellos de Laza, Chandrexa de Queixa, O Irixo, Boborás e O Carballiño rexistraban novos incendios que se suman aos que xa estaban activos no Barbanza e en Carballeda de Valdeorras. 

No caso de Laza, ao fechamento desta edición, son 740 as hectáreas arrasadas segundo a Consellaría de Medio Rural. Este fogo xuntouse co orixinado en Chandrexa de Queixa cuxas chamas alcanzaron os montes da Edreira, unha zona cun gran valos paisaxístico e ecolóxico.

Debido á proximidade do fogo ao núcleo poboacional de Taboazas en Chandrexa, a Xunta puxo en marcha a 'Situación 2' de alerta. Con todo, o alcalde do municipio, Francisco Rodríguez, asegurou esta cuarta feira que non hai perigo para as casas e que, ao fechamento desta edición "non foi necesario evacuar ninguén".

No tocante ao incendio orixinado no Irixo, comezou na parroquia de Cusanca, arrasa xa 24o hectáreas e afecta o municipio limítrofe de Dozón. A súa propagación fixo que se activase a 'Situación 2' de alerta dada a proximidade das chamas a núcleos poboacionais, ao igual que nos concellos de Boborás e O Carballiño.

A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, alertou que a situación "está descontrolada" e que a veciñanza "esta confinándose nas súas casas".
Estes fogos fixeron que se interrompese o tráfico ferroviario entre o Irixo e Lalín pola proximidade das chamas ás vías. Afecta a liña Santiago-Ourense. 

O fogo do Barbanza comezou nunha cheminea

Segundo unha investigación realizada pola Policía Nacional adscrita á Comuniddae Autónoma da Galiza, o incendio no Barbanza que arrasa máis de 2.200 hectáreas, orixinouse nunha cheminea dunha vivenda particular.

O atestado da investigación remitiuse ás autoridades xudiciais, de modo que o asunto se encontra  xudicializado. A Xunta pediu "máxima prudencia" en todo o que poida provocar incendios".