Galiza roza 77% da poboación vacinada mentres segue a frear a Covid

Punto de vacinacion masiva na Cidade da Cultura (Foto: Xunta da Galiza).
Os indicadores da pandemia melloran e afastan as peores cifras da quinta vaga. Galiza avanza na inmunidade da poboación ao tempo que reduce a incidencia do coronavirus.

A evolución epidemiolóxica da Covid continua a ser positiva. Segundo os datos facilitados pola Consellaría de Sanidade, Galiza mellora lixeiramente as cifras dos principais indicadores da pandemia mentres avanza no proceso de vacinación da poboación.

O número de persoas inmunizadas ascende a 2.075.898, o que supón o 84,5% da poboación diana e 76,8% da poboación xeral coa pauta completa. Galiza recibiu até o momento 4.190.475 doses das que administrou xa o 98,56%, 4.130.175.

En total, 2.246.769 galegos e galegas recibiron polo menos unha dose, o que representa 91,5% da población diana e 83,2% da total.

A este avance na vacinación cómpre sumarlle o retroceso dos casos activos, os novos contaxios e a presión hospitalaria que reflicte o último balance do Sergas.

A Covid recúa

Nas últimas 24 horas rexistráronse 234 novos positivos por coronavirus na Galiza. Volven caer por debaixo dos 300. Do total, 57 corresponden á área sanitaria da Coruña, 53 á de Lugo, outros tantos á de Santiago, 30 á área de Vigo, 12 á de Ourense, 15 á de Ferrol e 14 á área de Pontevedra.

No que vai de semana, Galiza suma un millar de novos contaxios menos que os rexistrados á mesma altura hai sete días, unha mellora que segue a reflectirse no cómputo de casos activos. Hai 7.163, 359 menos que un día antes.

As infeccións descenden en todas as áreas, excepto na de Lugo, outra vez, onde aumentan levemente até as 1.408 infeccións. A Coruña continúa á cabeza con 1.762; seguida de Lugo; Vigo, con 1.126; Santiago, con 1.283 casos activos; Ourense, con 654 casos; Pontevedra, con 478, e Ferrol, con 452.

Presión hospitalaria

Con respecto á presión hospitalaria, nas últimas horas o número de pacientes críticos baixou a 47, seis menos, mentres que os doentes ingresados en unidades convencionais aumentou até os 154, un máis.

Por áreas, a carga asistencial sobe lixeiramente nas áreas da Coruña, Ferrol e Santiago e baixa no resto: Ourense, Pontevedra, Lugo e Vigo.

Falecementos

Desde o inicio da pandemia faleceron 2.577 persoas coa Covid tras confirmar Sanidade dous a morte dunha muller de 68 no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), doutra de 90 no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e dun home de 84 anos no Hospital de Povisa.