COVID-19: Galiza rexistra 2.627 casos positivos e 60 falecementos

Análise de coronavirus.

Segundo os datos oficiais, Galiza pasa do medio cento de persoas falecidas con coronavirus, cun total de 60 falecementos.

Segundo a última actualización fornecida pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos de coronavirus na Galiza ascende a 2.627, deles 597 son da área da Coruña, 219 da de Lugo, 371 da de Ourense, 290 da de Pontevedra, 633 da área de Vigo, 454 da de Santiago, e 63 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 110 permanecen en UCI, 652 están en unidades de hospitalización e 1.865 no domicilio. Polo de agora, na Galiza rexistráronse 95 altas de pacientes.

Por outra banda, o número de probas de detección de coronavirus PCR realizadas é de 12.885.

60 falecementos

Este sábado Galiza alcanzou os 60 falecementos, dez máis que o día de onte. Catro das novas mortes déronse en persoas que estaban ingresadas no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, dous homes de 80 e 77 anos con patoloxías previas e outros dous de 81 e 82 anos que non contaban con ningunha complicación até que se contaxiaron da COVID-19.

Ademais, morreu un home de 89 anos que estaba ingresado no Hospital de Cee; outro de 79 no Hospital da Barbanza e un terceiro de 63 no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Os últimos falecementos teñen a ver cun home de 82 anos ingresado no CHUS; outro de 80 en Ferrol e unha muller de 88 ingresada no CHUO. Os tres contaban con patoloxías previas.

A nivel estatal, as peores cifras

O Estado español rexistrou 832 falecementos en 24 horas, marca récord no número de vítimas nun só día. En total, 5.694 persoas morreron con coronavirus a nivel estatal e 72.248 infectáronse. Unha cifra que, á vista da falta de probas de detección sería moitísimo maior. 

Un total de 40.630 necesitaron hospitalización, 4.575 han ingresado en UCI e 12.285 curaron, segundo o último balance do Ministerio de Sanidade.

En todo o mundo, en só sete días duplicáronse os contaxios e o coronavirus avanza a toda velocidade.

Números de información

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos. 

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volve reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembra que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotábel- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.