Galiza non recuperou o gasto en políticas sociais desde a crise de 2008

Fabiola Garcia na residencia de tempo libre de Nigrán en 2017.
En 2019, na Galiza, caeu o gasto en políticas públicas esenciais, en alza desde 2014.

Galiza é o quinto territorio do Estado no que menos se recuperou o gasto en servizos públicos esenciais en comparación cos niveis rexistrados antes da crise financeira de 2008.

Así figura nun informe elaborado pola Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais que analiza os investimentos destinados a sanidade, educación e servizos sociais e que cifra en 0,2% (12,8 millóns de euros) o recorte en termos porcentuais en ditos apartados nas contas autonómicas desde 2009, o que sitúa Galiza no grupo das cinco comunidades que presentan un balance negativo xunto con Castela e León (-1,20%), Aragón (-3,00%), Castela-A Mancha (15,4%) e Catalunya (19,6%).

O informe revela que o gasto galego global en servizos públicos esenciais caeu en 2019 0,1% respecto ao ano anterior, rompendo así a tendencia á alza que se viña producindo desde o ano 2014. Segundo recolle o documento, os recortes realizados en políticas sociais a partir do ano 2010, "especialmente drásticos" en 2013, conduciron a que nese ano se rexistrase o nivel máis baixo en gasto autonómico en servizos esenciais, con menos de 100.000 millóns de euros. Desde o ano 2014 e até 2018 rexistráronse aumentos, una progresión que se rompeu en 2019. 

Ademais, a asociación advirte que a recuperación do gasto en políticas sociais aínda é "deficitaria" xa que após 10 anos orzamentarios o gasto acumulado en 2019 (116.850,5 millóns) permanece por baixo do rexistrado en 2009 (116.851,7 millóns).

Entre 2009 e 2019, Galiza foi o oitavo territorio con maior gasto en sanidade, educación e políticas sociais en termos porcentuais. Nesta década destinou 61,5% do total a estes apartados cun desembolso por habitante de 2.626,68 euros.

Con todo, o informe reflicte unha evolución negativa en termos porcentuais na Galiza, cunha contracción do gasto de 4,9% malia o aumento de 59 euros no gasto por habitante.

Sectores

En 2019 destinou a sanidade 1,20% máis (47,8 millóns) que en 2009, cun gasto por habitante de 1.475,87 euros, o que sitúa Galiza por riba da media estatal. En educación, a porcentaxe orzamentada en 2019 foi 4,2% inferior ás contas de 2009, 102,5 millóns menos dirixido ao sistema educativo. Por último, Galiza recuperou 5,8% do desembolso que realizaba en 2009 en políticas sociais (41,9 millóns de euros máis). En total, 6,8% do total dos seus orzamentos cun gasto por habitante de 283,81 euros.