Galiza adianta unha semana a vacinación con Astrazeneca da poboación maior de 60 anos

Vacinación no centro habilitado en Vigo. (Foto: Europa Press)

A Consellaría de Sanidade puntualiza que, malia adiantar os tempos nun grupo, os menores de esa idade seguirán cunha axenda que xa estaba programada. Aliás, o departamento continúa traballando na “repesca” das persoas que xa perderon a súa quenda para tratarse fronte á Covid-19 por diferentes motivos.

A campaña de vacinación das galegas e galegos de máis de 60 anos que están a ser tratados contra a Covid-19 con Astrazeneca vai acelerada, polo que o grupo -incluído dentro dos colectivos vulnerábeis- adiantará unha semana nos tempos previstos. É dicir, dado o ritmo de inoculación e a previsión de que chegarán novas doses, a Xunta vai comezar a chamar á xente unha semana antes do que comprometera.

Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ao falar da segunda dose do fármaco para dar por completada a pauta da medicina de protección fronte ao coronavirus.

No entanto, ese avance nun tramo de idade concreto non implica mudanzas no resto da axenda da Administración Sanitaria.

O representante da Xunta quixo deixar claro que se poden ir “completando” as citas previstas nas e nos maiores de 60, pero os menores desa idade -estima que unhas 93.000 persoas- estarán nos centros de vacinación polo menos até agosto, atendendo ao calendario estabelecido inicialmente.

Por outra parte, García Comesaña aproveitou as súas declaracións públicas desta cuarta feira para incidir en que o Sergas mantén en paralelo un plan para atender aquelas cidadás que perderan as citas anteriores.

Así explicou que das 11.000 veciñas citadas esta semana, unha parte negouse a que lle inocularan o fármaco que lle tocaba. A este respecto, lembrou que “non se pode elixir a marca” e que a pauta a marcas as e os especialistas.

A semana próxima haberá novos convocados -e a partir de xullo se traballará con cita previa na mocidade- pero non todas as persoas o están tendo igual de sinxelo para vacinarse. Hai escasos días doentes con enfermidades inmunodepresoras lamentaban que non tiveran en conta os seus tratamentos médicos para cadrar as citas cando din os especialistas.