Galiza acumula máis de 760 incidencias polo temporal Aline

Inundacións e choiva ests xoradas na Galiza (Foto: Javier Vázquez / Europa Press e Álvaro Ballesteros / Europa Press).
Desde a tarde desta quinta até a mañá desta sexta feira, o 112 Galiza rexistrou 169 incidencias, a maioría (104 casos) por caídas de árbores e pólas en estradas, seguidas por outros obstáculos nas vías (13 incidencias), danos en postes de iluminación ou material eléctrico (12 intervencións) e outras actuacións en estradas asolagadas ou retirada de vexetación para previr riscos.

A borrasca Aline segue deixando o seu rastro na Galiza, con case 170 incidencias rexistradas polo CIAE 112 Galiza nas últimas horas, de maneira que o número acumulado de intervencións desde a pasada cuarta feira ao mediodía xa supera as 760.

Desde a tarde desta quinta até a mañá desta sexta feira, o 112 Galiza rexistrou 169 incidencias, a maioría (104 casos) por caídas de árbores e pólas en estradas, seguidas por outros obstáculos nas vías (13 incidencias), danos en postes de iluminación ou material eléctrico (12 intervencións) e outras actuacións en estradas asolagadas ou retirada de vexetación para previr riscos.

Ningunha das incidencias provocou danos persoais, e a situación máis complicada deuse na autoestrada A-6, onde un desprendemento no km 450, á altura de Becerreá (Os Ancares) obrigou a cortar os carrís en sentido Arteixo. De feito, o corte permanece e habilitouse un desvío pola N-VI.

Desde o mediodía da pasada cuarta feira até a mañá desta sexta, na Galiza rexistráronse máis de 760 incidencias relacionadas co mal tempo, segundo informou o CIAE 112 Galiza.

Por cidades

Segundo o balance do 112, os municipios de Vigo, Santiago e A Coruña foron os máis afectados polo temporal, con 33, 27 e 21 incidencias rexistradas, respectivamente. Na cidade de Pontevedra o balance lanza a cifra de 19 intervencións, e unha decena no municipio de Tui.

Incidencias principais

Entre as incidencias máis destacadas, o 112 informou da caída dun tronco sobre a calzada en Cedeira, en Fonte da Vila, na mañá desta sexta. O obstáculo cortou o paso a un bus escolar.

En Cambre, rexistrouse unha caída dunha árbore sobre o tellado dunha vivenda na parroquia de Os Muíños de Naia; e en Betanzos, os bombeiros tiveron que acudir por unha inundación nunha rúa do polígono industrial de Piadela, que afectaba varios vehículos.

Por outra parte, desde municipios como A Coruña ou Arteixo recibíronse chamadas de particulares que advertían de que estaban a se soltar as xanelas dalgún edificio, tendo mesmo que suxeitalas para evitar a súa caída. Tamén na cidade herculina foi necesaria a intervención de bombeiros para a retirada de mobiliario urbano.

En Marín, o Concello informou de pequenos desprendementos no leito do río Lamela, así como arrastre de auga na contorna do CIP de Mogor, que non afectou o interior das instalacións.

Alertas activas

Durante a mañá desta sexta feira permanece activa a alerta vermella en gran parte do litoral noroeste e norte por fenómenos costeiros, e con previsión de ondas que poidan superar os oito metros. Tamén hai aviso amarelo por choivas.

En terra, segundo Meteogaliza (organismo dependente da Consellaría de Medio Ambiente), o maior refacho de vento das últimas horas quedou rexistrado a pasada madrugada no Xistral, Muras (Terra Chá), de case 140 km/h; mentres que o municipio de Baleira (A Fonsagrada) rexistrou a maior acumulación de choiva (57,4 litros por metro cadrado).