A Galiza acumula 200 hectáreas de monte queimado no que vai de semana

Unha axente das Brigadas de Reforzo en Incendios Forestais durante a extinción dun incendio en xullo de 2022, en Samos, comarca de Sarria. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Dous incendios permanecen activos en Crecente e Oímbra.

Un incendio xa baixo control dos servizos de extinción queimou polo momento 20 hectáreas no municipio de Oímbra (Verín) tras iniciarse minutos antes da pasada medianoite.

Diso informou á primeira hora desta cuarta feira a Consellaría do Medio Rural, que tamén trasladou que o lume que desde a segunda feira arrasou 170 hectáreas no municipio de Crecente (A Paradanta) continúa controlado.

O incendio de Oímbra declarouse na parroquia da Granxa ás 23.20 horas da terza feira e foi dado por controlado antes das 4 horas. Na zona seguen traballando tres axentes, seis brigadas e cinco motobombas.

Ademais, a Consellaría do Medio Rural informou á primeira hora desta cuarta feira que o fogo de Crecente segue controlado. Á espera de novas medicións, a superficie afectada polas chamas mantense en 170 hectáreas.

O incendio iniciouse a segunda feira minutos antes das 20 horas en tres focos simultáneos, o que apunta á súa intencionalidade, algo que corroborou o alcaldes desta localidade en declaracións aos medios de comunicación.

Os fogos seguen activos

A pesar de que os dous incendios están controlados, segunda a Consellaría do Medio Rural, aínda seguen activos e podería aumentar a superficie de monte afectada. Até o de agora, esta semana xa se acumulan na Galiza case 200 hectáreas queimadas por estes incendios.