A Galiza activa a alerta laranxa por temporal na costa e amarela por neve na montaña

O mar baten con forza na contorna da Torre de Hércules (Foto: M. Dylan / Europa Press).
A borrasca 'Barra' mantén varios avisos activos por vento, chuvia e ondadas.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a partir desta noite dará comezo un fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa que afectará durante toda a cuarta feira toda a costa galega con mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 7 metros aumentado de 6 a 8 metros ademais de vento de compoñente oeste a noroeste no noroeste.

A alerta esténde ao longo de toda a xornada ás montañas do interior, onde haberá alerta amarela por nevadas. As previsións apuntan acumulacións de neve de entre 5 e 10 centímetros en 24 horas a partir de 700 metros de altitude.

Lonxe da liña de costa

Co fin de garantir a seguridade de bens e persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, informou da situación aos concellos afectados, deputacións, servizos e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, así como a clubs náuticos e outras entidades.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa: diques, rompentes e paseos marítimos.

Tamén recomenda extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ante calquera dúbida, aconsella consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Refachos de até 142 km/h

Esta terza feira, o vento deixou refachos de intensidade máxima de 142 km/h e superou os 100 km/h en puntos do litoral norte debido á influencia da borrasca 'Barra' situada sobre Irlanda, que mantén avisos activados por forte vento, ondada e choivas.

Segundo os rexistros de Meteogalicia até as 12.15 horas, en zonas de altitude superior a 900 metros o vento deixou refachos de 142,4 km/h en Muras e de 96,8 km/h en Baleira. Cedeira rexistrou 116,7 km/h e 111 km/h en Viveiro.

Tamén en zonas de montaña o vento alcanzou 95,5 km/h  en Carballeda de Valdeorras e 90,3 km/h en Manzaneda.

Pola súa banda, a choiva deixou até o mediodía acumulacións de até 61,5 ll/m2 en Cuntis; 58 en Poio; 57,6 en Cotobade; 49,8 en Forcarei e 44,2 en Fornelos de Montes.