Social

Galiza achégase ás 5.000 infectadas de COVID-19 e celebra 531 altas de pacientes hospitalizadas

Probas de detección de coronavirus nos coches (Imaxe: Europa Press)
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus na Galiza ascende a 4.926. 

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus na Galiza ascende a 4.926. 

Destes casos positivos 1.029 son da área da Coruña, 558 da de Lugo, 875 da de Ourense, 432 da de Pontevedra, 1.055 da área de Vigo, 694 da de Santiago, e 283 da de Ferrol

Do total de pacientes con COVID-19, 177 permanecen en UCI, 891 están en unidades de hospitalización e 3.858 no domicilio. Polo de agora, na Galiza rexistráronse 531 altas de pacientes e 168 falecementos en hospitais. 

9 falecidas nas últimas horas

A morte nas últimas horas de nove persoas, oito con patoloxías previas e un home de 90 anos sen elas, que foran diagnosticadas con coronavirus elevan os falecementos a un total de 168 vítimas mortais.

Segundo informan as autoridades sanitarias, trátase dun home e unha muller de 64 e 66 anos, respectivamente, que estaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF); e dunha muller e un home, de 84 e 94 anos, que permanecían no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Tamén faleceu unha muller de 82 anos que recibía atención médica no Hospital do Barco de Valdeorras; un home e unha muller de 69 e 93 anos ingresados no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC); e un home de 78 que se atopaba no Hospital Álvaro Cunqueiro.

Así, as mortes rexistradas até agora foron 49 na área sanitaria da Coruña, 33 na área de Vigo, 31 na área de Ourense, 22 en Santiago, 12 na área de Lugo, 12 en Ferrol e 9 na área sanitaria de Pontevedra.

No entanto, hai que ter en conta que, no balance de falecidos trasladado por Sanidade non figuran as mortes que se rexistran fóra dos hospitais, entre elas, as que teñen lugar en residencias de maiores. Segundo datos de Política Social, nestes centros xeriátricos producíronse até agora 32 falecementos.

Desta maneira, a cifra total de falecementos por COVID-19 na Galiza é de 200

PCR realizadas: 25.842

A Xunta sinala que continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos do país. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente

A Consellaría de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web coronavirus.sergas.gal na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.