Galiza acada un novo máximo de contaxios nun día, 755

Controis de entrada e saída das cidades polos confinamentos (Arxina)
Os contaxios de Covid-19 detectados nas últimas 24 horas volven alcanzar un novo récord, con 755 nunha xornada. De todas as áreas sanitarias, a de Vigo dispárase a 215, tamén a cifra máis alta de toda a pandemia, con 30 máis que no día previo.

Segundo os datos actualizados este sábado pola Consellaría de Sanidade na xornada despois das novas restricións que afectan de forma especial as sete cidades, con rexistros ata as 18 horas de onte, os contaxios detectados tamén ascenderon de maneira importante nas áreas sanitarias da Coruña-Cee, até 130 (+13); na de Lugo, A Mariña e Monforte, até 119 (+69) e en Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, que chegan a 91 (+37).

Baixa a incidencia diaria do coronavirus as áreas de Compostela e O Barbanza, con 84 novos contagios (-31), Ferrol, con 64 (-35), e Pontevedra-O Salnés, con 53 (-23).

Segundo o último parte, nas últimas 24 horas recibiron a alta médica 363 persoas, o que coloca o total desde o inicio da pandemia en 26.900. Ademais, ata o momento faleceron 910 persoas con coronavirusna Galiza, tras engadirse ao cómputo oito vítimas notificadas na tarde do venres, tres delas, vinculadas a centros da terceira idade.

Así, a cifra de casos activos está no total de 8.762, cun ascenso de 399 nun día. Medra de forma notábel o número de contaxios en Vigo, con 1.924 pacientes de coronavirus (+166), se ben todas as áreas rexistran ascensos no número de casos activos.

En Lugo, subiron a 894 (+93); en Ferrol, a 807 (+50); na Coruña, a 1.437 (+41); en Compostela, a 1.394 (+27); e en Pontevedra, a 918 (+19).

Pola súa banda, Ourense, con 1.397 estabilizáronse ao sumar tres pacientes novos con respecto á pasada sexta feira.