Galiza abeira o milleiro de falecementos pola Covid-19

Unha farmacéutica practica unha proba de antíxenos en Barbadás, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Tres dos falecementos comunicados esta noite polas autoridades sanitarias tiveron lugar en centros residenciais.

Ao igual que na noite da cuarta feira, hoxe a Xunta vén de comunicar o pasamento de nove persoas debido ás complicacións que o coronavirus provocou no seu estado de saúde. Nas últimas xornadas contabilizáronse sete, nove e nove falecementos durante o día, polo que Galiza está cada vez máis preto do milleiro de vítimas deste virus.

En concreto, segundo os datos que manexa a Consellaría de Sanidade, o número de mortes é de 969. Tres dos últimos decesos comunicados tiveron lugar en residencias da terceira idade, que tamén nesta segunda onda da pandemia están a ocupar un papel destacado como foco dos contaxios.

No centro Nosa Señora dos Milagres de Barbadás finaron un home de 99 anos e unha muller de 95. Outra usuaria, neste caso da instalación de Salvaterra do Miño, perecía aos 80 anos de idade.

Entre as seis vítimas restantes había até dúas persoas vinculadas tamén aos xeriátricos. De feito, unha muller de 89 anos que permanecía no Complexo Hospitalario de Ourense chegara alí trasladada desde Nosa Señora dos Milagres, polo que a residencia sufriu hoxe tres pérdidas.

Xa no hospital de Compostela certificouse a morte dunha residente de Nosa Señora dos Anxos, en Ribadavia, de 89 anos.

Na área sanitaria da Coruña, no Chuac, non se puido facer nada por salvar a vida a un varón de 96 anos e o mesmo sucedeu con outro de 86 anos que era atendido no centro hospitalario de referencia en Vigo. Así mesmo, morreron outra muller de 85 anos e un home de 84 anos. Todos tiñan patoloxías previas.

Con este novo balance, o número total de vítimas da Covid-19 no país xa está en 969. Cabe recordar que a barreira das 900 mortes sobrepasouse a pasada quinta feira e, en tan só unha semana, Galiza achégase ao milleiro.