A Galiza abeira os 6.000 novos contaxios de Covid mais suaviza a presión hospitalaria

Autobús para a realización de test de antíxenos, o pasado verán na Mariña. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O número de casos activos sitúase na contorna dos 60.000. Ademais, Sanidade confirmou o falecemento de 11 persoas con Covid, polo que a cifra total de mortes é de 2.950.

Os contaxios de Covid na Galiza experimentaron unha repunta nas últimas horas e volven roldar os 6.000 casos novos, se ben tanto a presión hospitalaria como o número total de infeccións activas polo coronavirus SARS-CoV-2 descenderon.

Así se reflicte no informe publicado esta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade. Segundo o último balance con datos até as 18 horas desta terza, detectáronse 5.963 contaxios novos, o que supón 1.386 máis que os rexistrados a xornada anterior.

As novas infeccións detectadas soben en todas as áreas sanitarias, especialmente na de Vigo e a da Coruña, onde se rexistraron, respectivamente, 1.590 e 1.275 contaxios novos.

Na área sanitaria de Santiago notificáronse 1.065 contaxios novos; na área de Ourense son 608 as novas infeccións, na área de Pontevedra hai outras 583 persoas máis contaxiadas, na área de Lugo rexistráronse 582 novos contaxios e na área de Ferrol hai 260 novos infectados.

Casos activos

Con respecto ao cómputo global de casos activos, o Sergas confirmou que na Galiza 60.277 persoas con Covid, 443 menos que o último día. Os casos baixaron en todas as áreas sanitarias: en Vigo hai 15.610 casos activos (51 menos), na Coruña,13.275 infeccións (48 menos); na área de Santiago, 9.821 casos (118 menos); en Pontevedra, 6.564 casos (221 menos); en Lugo hai 6.148 persoas con Covid (57 menos), en Ourense son 6.015 (114) e en Ferrol baixaron a 2.844 (70 menos).

Presión hospitalaria

A ocupación hospitalaria derivada d pandemia baixa. Sanidade confirma que hai 681 persoas con Covid nos hospitais galegos (23 menos que hai un día), das que 40 están en Unidades de Coidados Intensivos (unha menos) e 641 en camas convencionais (22 menos).

Por áreas, a da Coruña e a Vigo rexistran o maior número de enfermos en coidados críticos, con 12 e sete respectivamente. Así, aínda que a primeira ten un paciente máis en UCI, na área de Vigo a ocupación reduciuse en dous.

No resto de áreas sanitarias galegas non se produciron cambios na ocupación da UCI. Na área de Lugo hai seis pacientes, nas de Pontevedra e Santiago hai cinco doentes con Covid, na de Ourense hai tres e na de Ferrol, dous.

Falecementos

Desde o inicio da pandemia superaron a Covid na Galiza 367.209 persoas, das que 6.395 recibiron o alta epidemiolóxica nas últimas horas. Pola contra, faleceron co virus 2.950 persoas.

Os últimos decesos comunicados polo Sergas son os de 11 persoas (seis homes e cinco mulleres), que morreron entre o sábado e a segunda feira, con idades comprendidas entre os 69 e os 95 anos.