Galiza abeira os 3.700 casos activos de doentes de coronavirus

Unha sanitaria practica PCR aos ocupantes dun vehículo (Foto: Europa Press)
A Consellaría de Sanidade explicou onte que a cifra de afectadas e afectados está xa non 3.640, da que o 38% están na área sanitaria da Coruña e Cee. No entanto, rexistrouse un novo falecemento pola pandemia dun usuario da residencia do Incio. Apenas unhas horas antes falecera unha compañeira que vivía no mesmo centro.

Os datos feitos públicos esta segunda feira revelan unha nova evolución á alza dos positivos por coronavirus na Galiza, ao chegar ás 3.640 persoas. Esta cifra chega após un incremento de 156 contaxiados no último día. Houbo que lamentar unha nova morte dun residente do centro do Incio que estaba ingresado no hospital Lucus Augusti, ao igual que unha compañeira que finou onte. O número de vítimas desde que empezaron os novos gromos xa é de sete persoas.

O 38% do total de pacientes pertencen á área sanitaria da Coruña e Cee. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade concreta que dos 3.640 casos outros 730 doentes pertencen á zona de Lugo e 340 á de Ourense.

En Pontevedra hai 226 persoas con Covid-19, mentres que na demarcación sanitaria de Vigo manténse a suma en 237. Na área de Santiago contabilizáronse 582 afectados e afectadas e en Ferrol 133.

Mentres que o número de PCR practicadas se multiplica (xa son 335.554), dáse a coñecer que 17 casos activos permanecen ingresados nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI), outros 124 en unidades de hospitalización e o resto pasan os síntomas da enfermidade na casa co seguimento telefónico dos equipos médicos.

No que respecta a afección en centros residenciais para maiores, a Xunta concreta que dos 643 falecementos 283 foron de residentes nestas infraestruturas. Ademais, hai outros 138 usuarias e usuarios contaxiados, así como 53 profesionais do coidado destas persoas.

En corentena en Compostela

Por outra banda, o positivo que deu a proba practicada a unha funcionaria do Concello de Santiago de Compostela vén de obrigar a varios traballadores do seu departamento, o de persoal, a manter a corentena.

O alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, tamén explicou que dous policías locais colleron esta infección nas súas vacacións, polo que "nom se incorporaron ao servizo".